Manifesto do Consello de Galiza de xaneiro de 1970

No setenta aniversario da súa fundación en Montevideo, o 15 de novembro de 1944, exhumamos un manifesto do Consello de Galiza publicado en xaneiro de 1970.
Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Alberto Vilanova nunha homenaxe ao poeta Alberto Vilanova en Bos Aires
Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo durante unha homenaxe ao poeta Avelino Díaz en Bos Aires


O Consello de Galiza foi unha institución creada polos deputados republicanos de signo galeguista no exilio co fin de manter vixente a lexitimidade republicana e facer efectivos os mandatos emanados da aprobación do Estatuto de Galicia en 1936.

Os seus primeiros asinantes foron Castelao, Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde e, andado o tempo, o Consello de Galiza acabaría por se converter na principal ferramenta de organización política do galeguismo exterior, aglutinando nas súas fileiras figuras do galeguismo que proviñan de diferentes sensibilidades e militancias partidarias.

No manifesto do Consello de Galiza feito público en xaneiro de 1970, e que aparece asinado "Dende un lugar da Terra", os redactores ou redactoras do mesmo fan unha análise da situación política no estado español naquela altura, o Tardofranquismo, deseñan un marco de actuación futura e rematan o manifesto coa seguinte arenga: "Neste intre decisivo pro noso porvir, somentes cabe dicir a tódolos homes e mulleres da Terra, frente as necesidades dela: ¡Qué cada un percure cumprir co seu deber!".

O manifesto do Consello de Galiza de xaneiro de 1970 pódese descargar aquí.