Lembranza de Xesús Alonso Montero na Illa de San Simón

O presidente da Real Academia Galega participou na homenaxe a Xesús Alonso Montero que tivo lugar o pasado sábado na Illa de San Simón. Henrique Monteagudo pronunciou un dos discursos sobre quen foi un dos intelectuais máis relevantes de Galicia dende a segunda metade do século XX, membro de número da RAG e presidente da mesma entre 2013 e 2017.

O acto arrincou cunha ofrenda floral ante a Pedra de Teruel, onde pronunciaron senllas alocucións Patricia Arias Chachero e Gregorio Ferreiro Fente. Este foi tamén o escenario do recitado de versos a cargo do Irene Alonso Vázquez, Carmen Reigosa e Manuel Reigosa Roger.

A lembranza continuou coa descuberta dunha placa conmemorativa no auditorio multiúsos da illa. Henrique Monteagudo interveu nesta parte do programa, na que tamén interviñeron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; Arturo Reguera López, exalumno de don Xesús; o académico correspondente Ramón Nicolás e Sara Alonso Pimentel, filla de Alonso Montero; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que conduciu o acto. O cantautor Amancio Prada púxolle o ramo á homenaxe coa súa música.  

1/4