O presidente da Academia durante a homenaxe a Ramón Piñeiro
O acto, celebrado o pasado 31 de maio en Compostela coincidindo co natalicio de Ramón Piñeiro, contou coa presenza, entre outros, do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández; do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez; dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García Gómez; do vicepresidente do Consello da Cultura e membro de número da Academia, Francisco Díaz-Fierros Viqueira; do director xeral da Editorial Galaxia, o escritor e membro de número da Academia Víctor Freixanes e do director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez.
En palabras do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, Ramón Piñeiro (Láncara, 1915-Santiago de Compostela, 1990) foi "un cidadán heroico" e unha peza clave na reconstrución do campo galeguista despois do 36. Alguén que, malia carecer dunha formación académica regrada, "instalou en 1951 a súa cátedra en Santiago coa sobriedade dun sabio antigo e, superando a incomprensión de moitos, a envexa doutros, a sospeita dos que mandaban e o desconcerto de case todos, exerceu un labor de concienciador sinxelo, constante, entregado, eficaz que o converteron nun referente na historia na historia contemporánea de Galicia".
O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, salientou, pola súa parte, o firme compromiso da figura homenaxeada coa defensa dos valores do galeguismo e a democracia: "Se el, que en tempos tan difíciles mantivo con tesón as súas arelas, hoxe non podemos nós deixar de traballar pola lingua e a cultura de Galicia ou negar, con pesimismo, o seu futuro".
O acto rematou coa intepretación do Himno de Galicia e a descuberta dunha placa conmemorativa no domicilio compostelán de Ramón Piñeiro na que aparece definido como "mestre do galeguismo".