Fina Casalderrey repite como candidata ao Premio Astrid Lindgren do goberno sueco

A académica Fina Casalderrey volve aspirar ao Premio Astrid Lindgren, o galardón da literatura infantil e xuvenil que concede o goberno sueco. A autora pontevedresa foi proposta como candidata, por cuarta vez, por parte da Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), a sección estatal do International Board on Books four Young People (IBBY), a iniciativa da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). 

A obra de Fina Casalderrey abrangue diversos xéneros e en 2023 publicou a súa primeira novela para o público adulto, A muller xabaril, pero unha gran parte dos seus libros escribiunos pensando no público máis novo. Traducida a distintas linguas con éxito entre o público e a crítica, mereceu distintos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Merlín, o Edebé e o Barco de Vapor. Como académica préstalle tamén especial atención á infancia e coordina o proxecto Primavera das Letras, dirixido ao alumnado de infantil e primaria.

Un total de 265 candidatos e candidatas de 72 países foron nomeados ao Astrid Lindgren Memorial Award 2025, dirixido non só a escritores e escritoras, senón tamén a profesionais da ilustración, contadores e promotores da lectura.