Tribuna

Fin dun canto

Co pasamento de Xosé Luís Méndez Ferrín, Galicia perde unha das súas figuras máis senlleiras e a república das nosas letras unha das súas plumas máis extraordinarias. A súa traxectoria como intelectual é inseparable do seu intenso compromiso político, que lle custou varias condenas de cárcere. Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1961 a 1967 e ingresou como numerario no ano 2000 co discurso A poesía galega vista desde os relanzos derradeiros do século XX. En 2010 foi elixido o seu presidente, cargo de que dimitiu en 2013 no medio dunha ruidosa polémica, presentando ao mesmo tempo a renuncia á súa praza como académico. Non obstante, aquí cómpre deterse a considerar unicamente —e de xeito sumario— a súa faceta como escritor.

O seu talento creativo escintila en cada un dos xéneros literarios que cultivou, con destaque para a poesía, a narración e o artigo de prensa. Aos dezanove anos revelouse como poeta co libro Voce na néboa, mais a súa consagración chegou coa publicación de Con pólvora e magnolias (1976), poemario que sinala un antes e un despois na evolución da poesía galega dos últimos cincuenta anos. Como narrador, o seu nume brilla con especial fulgor nos relatos curtos, recollidos,entre outros, nos volumes Percival e outras historias, Amor de Artur ou Arraianos. Foi tamén un excelente filólogo, autor de achegas valiosas en terreos diversos, como a lírica medieval, a poesía galega contemporánea ou a onomástica. Por parte, a súa extensa produción como articulista de prensa é unanimemente recoñecida como maxistral. Alén disto, foi un dos fundadores e primeiro director da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro. 

Nos seus escritos alenta a súa poderosísima imaxinación e a súa ardente paixón polas causas que defendeu (o idioma, a nación, a revolución proletaria). En cada un deles engaiola o seu abraiante dominio do galego, que lle permitiu forxar unha lingua literaria opulenta, luminosa e eficaz. Vaise un dos mellores escritores galegos de todos os tempos, un grande da nosa cultura, un patriano excepcional. Deixa un legado creativo inmorredoiro, que o paso do tempo axigantará. 

Henrique Monteagudo
Presidente da Real Academia Galega