Día das Letras 2010 dedicado a Ramón Piñeiro
Teólogo, doutor en filosofía, ensaísta e director da revista de pensamento cristián Encrucillada, entre outros méritos, Andrés Torres Queiruga (Ribeira, 1940) ingresaba na Academia o 20 de xuño de 1980 a proposta de Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro. Cun discurso de ingreso titulado Nova aproximación a unha filosofía da saudade, o académico, que pasaba a ocupar a cadeira que pertencera a Sebastián Martínez-Risco, analizaba, desde un punto de vista filosófico, a saudade nos textos rosalianos e advertía: "Non temos, logo, algo exclusivo e peculiar, pero témolo dun xeito peculiar e exclusivo".
A saudade sería, pois, un "estar triste como sentimento anímico" causado por unha experiencia de separación, de ausencia ("Adiós ríos, adiós fontes") que, non obstante, conserva a esperanza de restablecer a unión perdida. Así, segundo Torres Queiruga, "cabe, en rigor filosófico, definir ao home como un animal saudoso" e a Rosalía como "unha mística que non pasou da noite escura". Remataba o seu discurso Torres Queiruga expoñendo a visión que da problemática da dor e da angustia ofreceron diversos filósofos modernos, desde Paul Ricoeur ou Ernst Bloch ata Martin Heidegger e Mircea Eliade.
Na súa resposta en nome da Academia, Ramón Piñeiro López destacou de Torres Queiruga que a súa "Nota para unha teoloxía do galeguismo", publicado en Grial no ano 1965, marca o inicio da teoloxía galega e situou o seu pensamento dentro de escolas como a da "teoloxía do traballo" ou da "teoloxía da liberación", que naceron "da necesidade de entender e de interpretar o mundo real." A seguir, pasou revista á análise da saudade exposta por Torres Queiruga concluíndo: "temos ante nós unha teoría orixinal e rigorosa, que marca o logro máis avanzado, máis maduro e máis completo de toda a especulación galega e portuguesa sobre este tema tan entrañable."