O videopódcast é unha das propostas que a Real Academia Galega concibiu para achegar a figura e a obra de Begoña Caamaño á mocidade. Conduce o espazo a xornalista Alba Mancebo, que presenta tamén a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño que a institución está a ofrecer nas redes sociais, contando coa colaboración doutras e doutros creadores de contidos. A primeira entrega conta coa colaboración de Leti da Taberna, que ofrece unha relectura dende o humor de Sailor Moon, protagonista dunha das icónicas series nipoas de debuxos animados que se emitiron no Xabarín Club.
A estrea de Colchas de voces prodúcese nestes primeiros pasos do mes das Letras Galegas e só uns días antes do concerto de estrea de Tertulia, o segundo álbum de Fillas de Cassandra, que pechan o episodio cantando un anaquiño dun dos temas incluídos neste traballo. O título do novo disco reflicte a necesidade das dúas artistas de reivindicaren, nos tempos da hiperconexión dixital, o encontro coas amigas, a volta ás conversas con vagar, a escoita. “A capacidade de falar, de entenderse, de debater é a única maneira de construír un mundo mellor conxuntamente”, expresa Sara Faro.
Fillas de Cassandra naceu en 2022 e en 2023 presentou o seu primeiro álbum Acrópole. Como Begoña Caamaño, María SOA e Sara Faro elixiron reescribir mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, dándolles voz ás mulleres, que seguen a ser silenciadas e cuestionadas, como lle aconteceu a Cassandra, advirten. “Que as mulleres non sexamos cridas nas violencias que sufrimos favorece que o sistema patriarcal siga imperando. E sobre iso quixemos reflexionar en Acrópole, como faría Begoña Caamaño, porque esa cultura segue moi vixente, cada vez máis”, conta Sara.
Viguesas e neofalantes
María SOA foi a primeira en coñecer a obra de Begoña Caamaño, cando xa crearan Fillas de Cassandra. A descuberta da súa literatura, a través de Circe ou o pracer do azul, lémbraa como algo “incrible”, expresa compartindo a emoción de atopar unha autora tan próxima que recorrera aos mitos para falar do mundo coas lentes de cor lila. O idioma que empregan é outro dos fíos que as une á protagonista do Día das Letras Galegas 2026, que coma elas medrou en Vigo falando primeiro castelán e tomando despois a decisión consciente de se pasar ao galego. “As dúas somos neofalantes. Coñecémonos nunha manifestación feminista e estabamos falando galego, así que non houbo reflexión contraria posible. E enténdese, quen quere entende!”, engade María.
Colchas de voces evoca dende o seu título unha das expresións utilizadas por Begoña Caamaño para sinalar as fontes clásicas das que partía nas súas novelas: “Chego mesmo a botar man de personaxes por outros inventadas. (...) Xorde un relato que semella obra miña pero que, en realidade, é como esas colchas tecidas de retallos vellos: unha historia creada con imaxes xurdidas doutras historias prestadas, cos refugallos das historias que a min me chegaron”. A cita pertence ao texto que a autora escribiu para a presentación de Morgana en Esmelle que se reproduce na edición conmemorativa das Letras Galegas da RAG, dispoñible na sección de publicacións de academia.gal. O segundo episodio será unha conversa coa escritora Antía Yáñez e estrearase no mes de xuño.


