Ernesto González Seoane posa co diploma e a medalla de académico. Fonte: RAG
Un momento do discurso do novo académico desde a tribuna do Paraninfo da USC. Fonte: RAG
Membros da RAG, autoridades e público apláudenlle a González Seoane tras recibir a medalla e o diploma de académico. Fonte: RAG
Ernesto González Seoane, xa como académico de número, senta canda os demais membros do pleno entre Anxo Angueira e Antón Santamarina. Fonte: RAG
Familiares, amizades e compañeiros da Academia e da USC de González Seoane entre o público. Fonte: RAG
Ernesto González Seoane entrou na sala acompañado dos académicos de máis recente elección, Anxo Angueira (á dereita) e Lourenzo Fernández Prieto. Fonte: RAG
González Seoane posa con Lourenzo Fernández Prieto e Anxo Angueira na súa entrada na sala. Fonte: RAG
O Paraninfo da USC, alma máter de González Seoane, acolleu o acto. Fonte: RAG
Fonte: Un momento do discurso do novo académico. Fonte: RAG
Membros do pleno da RAG momentos antes do inicio do acto. Fonte: RAG
A reitora da USC, a alcaldesa de Santiago, o alcalde de Mañón, a presidenta do CCG e o secretario xeral da Lingua, entre os representantes institucionais que asistiron ao acto. Fonte: RAG
O académico Antón Santamarina deulle resposta ao discurso de González Seoane en nome da Academia. Fonte: RAG
O acto contou coa colaboración da Organización de Xordos de Galicia. Fonte: RAG
Un momento do acto. Fonte: RAG
Familiares do novo académico entre o público. Fonte: RAG
Foto de familia do novo académico cos demais membros do pleno. Fonte: RAG
Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) ingresou este mediodía na Real Academia Galega cun percorrido pola historia da lexicografía galega e universal como punto de partida. O de chegada: as súas reflexións sobre o presente e o futuro do dicionario académico e da lexicografía do noso idioma. O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) afondou na reconciliación que defende entre a dimensión normativa do dicionario, que deu lugar a «interpretacións fundamentalistas de que todo aquilo que non aparece nel non é galego ‘correcto’»; e unha lexicografía descritiva, centrada no rexistro do uso real do vocabulario e que é útil ademais para que siga a desenvolverse a lexicografía prescritiva. No seu discurso afondou tamén na dimensión política da elaboración deste tipo de obras, o seu poder simbólico e a capacidade e os límites que teñen para influíren nos usos sociais do idioma.
«Resulta inxenuo pensar que os males que nos afectan como sociedade van evaporarse simplemente porque cambiemos unha definición no dicionario. Pero tamén é unha inxenuidade pretender que o dicionario é só un rexistro aséptico e ideolóxica e politicamente neutro de palabras cos seus significados», expresou o novo académico. «Ademais de reflectiren a realidade, os dicionarios axudan a construíla, regulando o uso das palabras, promovendo unhas e prohibindo outras, e difundindo valores de carácter relixioso, político, cívico ou moral. É insensato pretender, sen máis, que o dicionario poida cambiar a realidade, pero tampouco é boa idea minusvalorar a súa capacidade de axudar a modelala», abundou.
González Seoane prestoulles atención ás tensións que adoito atinxen etnónimos ao apareceren estes nos dicionarios con «acepcións pexorativas, cando non abertamente racistas». Canda outros exemplos referidos a denuncias polo tratamento de voces como xitano, xudeu ou black en obras de distintos idiomas, recordou a polémica arredor dalgúns significados de gallego no dicionario da Real Academia Española, engadidos na edición de 2001 e retirados posteriormente tras as protestas de colectivos e institucións.
Percorrido pola historia dos dicionarios
Lonxe da súa suposta neutralidade, os dicionarios funcionaron xa desde os albores da Idade Moderna non só como instrumentos de comunicación, senón tamén como «unha ferramenta de capital importancia para a construción e cohesión do Estado e para a súa expansión xeopolítica». E neste contexto xurdiron en Europa as primeiras academias, desde a italiana della Crusca (fundada entre 1582 e 1583) á Académie Française (1634) e a RAE (1713), todas elas coa «defensa e ilustración» das súas respectivas linguas como obxectivo central, repasou o académico no seu discurso, pronunciado no Paraninfo da USC e ao que lle deu resposta, en nome da Academia, Antón Santamarina.
No caso das linguas minorizadas o fenómeno foi moito máis serodio. Non foi así ata o ano 1906 cando naceu a Real Academia Galega —que esta semana celebra o seu 120 aniversario—. Malia sufrir un «contexto moito máis feble e precario» que as súas homólogas (con especial contraste co caso catalán), axiña empezou a traballar no seu dicionario, publicado entre 1913 e 1928, por fascículos ata a voz cativo e empregando o castelán como metalingua.
Aquel proxecto da RAG foi «a primeira tentativa de dotar o galego dun repertorio lexicográfico completo, amparado por unha institución académica» e achegou «un capital simbólico especialmente valioso para unha lingua fortemente estigmatizada e que se debatía por gañar ámbitos de uso na esfera pública». Pero «non supuxo un punto de inflexión na historia da lexicografía galega», que continuou cultivando durante décadas un mesmo modelo de dicionario bilingüe monodireccional galego-castelán, centrado no léxico diferencial, con especial atención ao etnográfico e cunha orientación descritiva e un criterio acumulativo «que favorece a transmisión acrítica de palabras e definicións», advertiu.
Houbo que agardar a mediados dos anos 1980 para que, tras os tímidos pasos no proceso de codificación e estandarización que se encetara nos 70, a lexicografía galega tomase un rumbo diferente caracterizado por unha orientación agora marcadamente prescritiva en vez de descritiva, e mais pola atención prestada á modernización do léxico para permitir que o galego amplíe o seu espazo funcional. O fito máis relevante desta etapa —apuntou— foi a publicación a finais dos anos 80 do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG), que axiña se converteu «en obra de cabeceira e de referencia básica». Todos os dicionarios galegos publicados despois desa data usaron como lemario o VOLG, que tamén serviu para a fabricación de correctores e outras ferramentas informática. Entre eles o Dicionario da Real Academia Galega (1997), «o fito máis relevante» na lexicografía institucional, e precedente da actual versión en liña, posta en marcha en 2012 e que se actualiza periodicamente.
O presente e o futuro
Ollando cara adiante, González Seoane ten claro que «o futuro da lexicografía será dixital ou non será» e defende conciliar o carácter normativo do dicionario co cultivo da lexicografía descritiva. Porque se ben o abandono do «modelo acumulativo» contribuíu no seu momento a unha máis ampla difusión do estándar léxico, esta reorientación tamén tivo algúns efectos negativos. «A función do dicionario como axuda para a lectura quedou un tanto desatendida ao desaparecer del un importante volume de léxico dialectal e literario non incluído no estándar. De por parte, deu lugar a algunhas interpretacións fundamentalistas do texto lexicográfico, consistentes en considerar que todo aquilo que non figuraba nel non era galego ‘correcto’», considera.
«Sexa como for, é innegable que para unha lingua resulta fundamental rexistrar e documentar, coa maior amplitude posible, o uso real do léxico a través dun dicionario descritivo. E non só polo valor en si mesmo, que xa sería abondo, senón tamén pola súa utilidade para o desenvolvemento da lexicografía prescritiva», prosegue. «Semella, pois, que estamos ás portas dunha nova etapa dentro da historia da lexicografía galega na que, sen desatender a dimensión prescritiva, o centro de gravidade vai estar situado na descrición do léxico», agoira.
Sobre como asumila, propón realizar un diccionario descritivo de nova planta que funcione como auditoría do léxico rexistrado polos dicionarios contemporáneos e «que nos permita determinar canta da información que fornecen existe realmente ou ten pertinencia na lingua actual». «Pode ser discutible que un dicionario deste tipo deba ser realizado precisamente por unha institución académica, da que se espera que produza obras que discriminen o que é correcto do incorrecto, o que é apropiado do inapropiado. Existen, en todo caso, fórmulas de compromiso que permiten conciliar descrición e prescrición. Por outra banda, a liña divisoria entre estas dúas orientacións tampouco é sempre tan nidia como cabería agardar», reflexiona.
Na súa entrada na RAG, González Seoane avoga así mesmo por «axuntar esforzos e arrombar personalismos» para abordar algunhas tarefas que requiren tempo e recursos. «Non será necesario insistir moito na importancia que para unha lingua minorizada supón ter presenza, e unha presenza digna, no mundo dixital», resalta. «Se queremos que esta nova etapa produza os froitos desexados deberemos combinar a ambición na definición dos obxectivos co pragmatismo á hora de deseñar o plan de traballo e, sobre todo, procurar con xenerosidade as fórmulas de colaboración que o fagan posible», conclúe.
Na cadeira de Bernardino Graña e desde a súa alma máter
Ernesto González Seoane entrou no Paraninfo da USC acompañado, como indica a tradición, dos dous académicos de máis recente ingreso, Anxo Angueira e Lourenzo Fernández Prieto. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, fíxolle entrega do diploma e da medalla de académico, unha condición que asume ocupando a cadeira que quedara vacante en xaneiro de 2025 polo pasamento de Bernardino Graña (Cangas de Morrazo, 1932-Nigrán, 2025). Nas súas palabras de lembranza do alcumado poeta do mar, membro na mocidade do grupo Brais Pinto, o novo numerario salientou a «grande autenticidade» dunha obra que se nutriu da lingua popular dos mariñeiros. Quixo ademais lembrar o académico Federico Maciñeira (1870-1943), natural, coma el, do Barqueiro e, no capítulo dos agradecementos, manifestoulles a súa gratitude pola súa elección aos membros do pleno da RAG, moitos deles mestres ou compañeiros de xeración, «referentes todos eles da lingüística e a filoloxía galegas».
Palabras de especial afecto tivo para Antón Santamarina e para a USC. «Eu a Fonseca débollo todo», enfatizou antes rematar o capítulo dos recoñecementos cunhas emotivas palabras dedicadas á súa familia, «o máis importante que me pasou na vida».
Resposta de Antón Santamarina
Antón Santamarina confiou que o novo membro do pleno «poida seguir facendo importantes contribucións á lingüística galega como leva feito ata o presente». «Serán moi ben vindas as súas autorizadas achegas tanto no campo da gramática como da lexicografía. Se o plenario ou a executiva non lle encarga outra cousa (ou aínda que lla encargue) recibirémolo de moi bo grado no Seminario de Lexicografía; a súa voz sen dúbida vai proporcionar achegas importantes para a actualización do Dicionario», asegurou na súa respostas ao discurso de González Seoane no nome da RAG.
Santamarina, en diálogo co discurso de González Seoane, reflexionou sobre a crecente responsabilidade da Real Academia Galega no campo da lexicografía por motivos alén da súa dimensión académica. «Por razóns de tipo económico e demográfico é moi probable que sexa de aquí para diante a Academia a única fábrica de dicionarios en Galicia. E iso supón unha gran responsabilidade, pois temos que coidar escrupulosamente a calidade dos que produzamos, en especial o da lingua. Creo que neste momento hai un recoñecemento xeral bastante positivo cara ao noso labor, pero temos que mantelo e melloralo canto sexa posible», compartiu.
Alén dos membros da RAG, numerosos compañeiros da USC e amizades quixeron acompañar a Ernesto González Seoane na súa entrada na Academia. O acto de recepción, celebrado coa colaboración da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, contou tamén coa presenza de representantes institucionais, entre eles a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a reitora da USC, Rosa Crujeiras; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.



