En lembranza do profesor Manuel Lucas Álvarez

Catedrático de Paleografía e Diplomática da Universidade de Santiago de Compostela desde 1953, foi Reitor da mesma, con notoria prudencia, nun bienio moi convulso (1974-1975).
Manuel Lucas Álvarez
Manuel Lucas Álvarez


Lingüistas e historiadores hai décadas que se benefician dos seus traballos profesionais: sobre a documentación de San Martiño Pinario, que foi, en 1948, a súa tese de doutoramento; sobre a colección diplomática do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro; sobre "Pelagius abbas canonicus et notorius"… Por certo, este breve e substancioso artigo foi publicado, en 1953, no Boletín da nosa institución, e pódese consultar nesta ligazón. Para os paleógrafos son de consulta obrigatoria estudos técnicos como "Características paleográficas de la escritura gótica gallega", publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos (1950).

Fóra do ámbito escrito da cátedra é de xustiza subliñar títulos como El hospital Real de Santiago: 1499-1531 (discurso inaugural do ano académico na USC, 1964) ou "La presencia de la UNESCO en los problemas bibliotecológicos de los países en vías de desarrollo" (1977).

Manuel Lucas Álvarez, (2 de novembro de 1917 - 1 de setembro de 2014), foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1955, colaborou no noso Boletín e conta, no seo da nosa corporación, co respecto e a admiración de non poucos dos seus compoñentes, algúns dos cales foron alumnos seus nas aulas compostelás. Galicia acaba de perder un estudoso moi importante.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.