'É o tempo de Begoña Caamaño' chega ás redes sociais

A Real Academia Galega acaba de estrear a súa serie de reels sobre Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014). Baixo o cancelo #éotempodebegoñacaamaño, ofrecerá petiscos sobre a vida e a obra da autora á que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2026, nunha produción dirixida especialmente ao público máis novo que contará coa colaboración de diversas creadoras e creadores de contidos nas redes sociais.

Alba Mancebo @mancebota é a guía da proposta, que arrinca cunha presentación biográfica da autora e das súas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), dous libros que “lles dan a volta aos grandes relatos clásicos”. Cun estilo desenfadado e ameno, os minivídeos irán profundando na traxectoria, no legado da xornalista e escritora e nos temas que abordou na súa obra literaria, como profesional dos medios de comunicación públicos comprometida coa lingua e a honestidade e mais como activista, que seguen a ter plena vixencia.

O cancelo elixido é precisamente unha chiscadela a unha das presentacións da súa segunda obra (unha reflexión sobre o poder e a ética partindo da reescritura do mito artúrico) que sintetiza o seu pensamento: “É o momento non de cambiar as regras do xogo, senón de xogo. É o momento de mudar o mundo: de cambios profundos e estruturais, pero tamén conceptuais. É o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e tamén, por que non?, da felicidade”.

Os minivídeos iranse publicando nas contas da Real Academia Galega en Instagram, Facebook e Bluesky (@reacademiagalega), X @academiagalega) e Youtube (@RealAcademiaGalega), e tamén, a partir do mes que vén, en TikTok, onde a institución ten previsto precisamente iniciar a súa actividade arredor das Letras Galegas 2026.

Arredor de Begoña Caamaño xirará tamén o primeiro videopódcast da RAG, que se estreará a semana que vén cunha entrevista ás Fillas de Cassandra. Coma a escritora no mundo literario, María SOA e Sara Faro propoñen no seu traballo musical unha reescritura dos mitos desde unha ollada feminista. O seguinte episodio será unha conversa coa escritora Antía Yáñez, que debutou con Senlleiras (2018), unha novela sobre mulleres que rachan co silencio.

Canto á proposta documental sobre a figura á que lle dedica o 17 de maio que vén realizando desde as Letras Galegas 2021 de Xela Arias, poderá verse a partir do 10 de abril na canle de Youtube da institución e nesta páxina web. Desta volta será un único episodio de maior duración, para facilitar a súa difusión, no que distintas voces irán tecendo un retrato coral da homenaxeada.

Os contidos audiovisuais da Real Academia Galega sobre Begoña Caamaño realízanse co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.