Ramón Cabanillas por Álvaro Cebreiro
O semanario La Temporada en Mondariz recollía, no seu número 14 do 5 de setembro de 1920 que se pode descargar aquí, unha extensa reportaxe sobre a cerimonia de recepción na Academia do "poeta da raza", Ramón Cabanillas.
Segundo a información da que nos fornece este xornal -promovido polo grande mecenas do galeguismo naquela altura, Enrique Peinador Lines- o día antes tivera lugar tamén, no salón de actos do balneario, o nomeamento como académico do poeta ourensán Antonio Rey Soto, mentres que ao día seguinte, mércores 1 de setembro de 1920, se celebrou unha homenaxe a Manuel Murguía. Foron, pois, tres xornadas consecutivas de exaltación da cultura galega no complexo turístico máis prestixioso da Galicia do seu tempo.
No seu discurso, contestado en nome da Academia polo lexicógrafo Eladio Rodríguez, o poeta cambadés analiza a presenza da temática da saudade na nosa tradición lírica.