A académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, membros do Seminario de Onomástica da RAG, coordinan un ano máis unhas xornadas que constitúen unha cita ineludible no campo do estudos dos nomes propios, que desta volta porá o foco noutras ramas distintas ás principais desta ciencia: a toponomástica (estudo dos nomes de lugar) e a antroponomástica (estudo dos nomes de persoa). “Son os nomes propios que reciben outros elementos do mundo que o ser humano bautizou: animais, obxectos persoais e comunitarios, conceptos culturais, descubertas da ciencia... O estudo destes nomes baséase non tanto na etimoloxía das palabras usadas para nomear, como nas referencias sociais e persoais que motivan a súa utilización, referencias que tamén nos definen como pobo e que nos encadran nas culturas do noso arredor”, explican.
A RAG desenvolve as Xornadas de Onomástica Galega desde o ano 2016 coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá o encontro deste outono no salón de actos do Edificio Castelao (rúa Padre Amoedo Carballo, 3) de 10:00 a 18:30 horas. As persoas que desexen inscribirse deben enviar un correo electrónico antes do 16 de outubro a publicacions@academia.gal indicando o seu nome e apelidos, DNI e número de teléfono. Ao final da xornada entregarase un diploma de asistencia. As intervencións poderán ademais seguirse en directo en academia.gal.
A primeira metade da mañá centrarase na ciencia. O neurofisiólogo e comunicador científico Xurxo Mariño abrirá o programa cunha intervención titulada Da víbora de Seoane á estrela Rosalía. Deseguido Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, falará sobre os nomes galegos do ceo e dos seus referentes, entre outras cuestións; e Noelia García Díaz, Elisa Fernández Rei, Adina Ioana Vladu e Carmen Magariños Iglesias, do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, afondarán no caso das intelixencias artificiais e os xeitos de nomealas e presentarán as galegas.
A partir das 13:00 horas, Noemí Basanta profundará nas denominacións dos grupos de pandeireteiras e ás 13:30 horas comezará a intervención de Ramón Mariño Fernández sobre os nomes nos fanzines galegos desde 1990 até a actualidade.
Anxos García Fonte, do IES Breamo de Pontedeume, presentará xa pola tarde (16:30 horas) unha aproximación aos usos contemporáneos nos nomes de animais desde a escola. Ás 17:30 horas será a quenda do contador e poeta Celso Santamartín, cunha actuación titulada Dicir o nome e esperar o eco.
Publicacións
As anteriores Xornadas de Onomástica Galega estiveron dedicadas á cultura popular (2023), a onomástica literaria (2022), os nomes propios no Camiño de Santiago (2021), os nomes comerciais (2020), os das rúas (2019), os alcumes (2018), os nomes e apelidos (2017) e a microtoponimia (2016). Os libros que recollen as achegas de cada edición poden consultarse en versión dixital de descarga gratuíta na sección de publicacións de academia.gal, no apartado do Seminario de Onomástica.