Tribuna

Compañel ou Vicetto?

Imaxe do Arquivo da Real Academia Galega dispoñible nesta ligazón

En días pasados fíxose pública a nova de que se acababa de localizar un retrato fotográfico de Juan Compañel (1829-1897) nun álbum familiar propiedade dos herdeiros de Alejandro Chao (1830ca.-1894). A fotografía leva ao pé unha dedicatoria en que se le: “A. M. de Cisneros fot[ografió] y l[a] d[edica] á su amigo y paisano D[on] J[uan] Compañel, 1857”, e no reverso unha nota autógrafa de A. Chao, que segundo informa Xurxo Martínez, di: “hecha en Vigo en 1857 antes de mi partida a Habana”. Como é sabido, Compañel tivo un papel sobranceiro no Rexurdimento, entre outras cousas, como primeiro editor de Cantares Gallegos (1863). Tendo en conta que non se coñecían imaxes del, a aparición dunha fotografía súa resultaría unha nova de indubidable relevancia. Á luz da dedicatoria, o autor do retrato foi o fotógrafo compostelán Andrés Marcelino Cisneros Pereiro (1820-1895), coetáneo de Compañel e de Chao.

Tanto pola dedicatoria e a sinatura do fotógrafo canto pola data, estamos ante un achado importante. Non obstante, na mesma información resáltase que se trataría da descuberta do primeiro talbotipo achado en Galicia e da fotografía máis antiga tomada por un fotógrafo galego. Canto a isto, cómpre aclarar que a instantánea era coñecida previamente, pois un exemplar da mesma se custodia no Arquivo da Real Academia Galega e está a dispor do público en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. É por iso que a investigadora Sagrario Abelleira, ao ler a noticia, alertou inmediatamente o ARAG. Ora, no exemplar da foto conservado no Arquivo da RAG, o retratado aparece identificado como Benito Vicetto (Ferrol, 1824-1878). A fotografía foi doada á RAG polo seu antigo bibliotecario Juan Naya, legatario dun importante fondo documental da familia de Rosalía de Castro e Murguía, quen, ata onde sabemos, é o responsable da identificación do retratado como Vicetto.

Esta identificación resulta fiable non só pola fonte, senón polo extraordinario parecido físico entre o personaxe da fotografía en cuestión e o que aparece noutra do autor da Historia de Galicia, tamén custodiada no ARAG. Como se pode comprobar comparando ambas as fotos, é verosímil que se trate da mesma persoa, un pouco máis nova no retrato de Cisneros. En definitiva, sen ánimo de restar mérito aos investigadores -que en todo caso deberan ter consultado a Rede para se documentaren- nin de pechar a cuestión, é obvio que non se pode falar de “descuberta” dunha fotografía xa coñecida, senón do achado dunha dedicatoria de grande interese. Por parte, a falta doutros datos, a identificación do retratado como Juan Compañel debe tomarse, como mínimo, con cautela.

Fonte: Arquivo da Real Academia Galega

Henrique Monteagudo
Académico de número