Circe, Morgana e a rapazada do CEIP O Pombal do Calvario ábrenlle camiño da man do teatro á Primavera das Letras de Begoña Caamaño

“Foi unha xornalista e escritora singular e vital, coma ela non hai outra igual!”. O berro xubiloso escoitouse esta mañá na voz dun dos alumnos do CEIP O Pombal de Vigo que actuou na presentación da última edición de Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega para a rapazada, que este ano ten como propósito achegar o público máis novo a Begoña Caamaño. Esta alegre síntese da figura literaria e da personalidade carismática da protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas forma parte da peza teatral que outra escritora da súa xeración e compañeira de estudos, An Alfaya, escribiu para o espazo infantil da RAG. A obra concibiuna Alfaya para ler e representar dentro e fóra das aulas, e a ilustradora Laura Romero foi a encargada de recreala en imaxes cheas de expresividade. O resultado pode desfrutarse xa en primaveradasletras.gal xunto ás primeiras actividades interactivas dun espazo virtual que nas vindeiras semanas irá ofrecendo novos contidos arredor do universo vital e literario de Begoña Caamaño.

1/26

“Escollemos unha escola do barrio do Calvario, o territorio vital da infancia de Begoña Caamaño, para abrirmos o noso calendario de celebracións das Letras Galegas 2026 porque a semente, o presente e o futuro da nosa lingua e da nosa literatura reside en boa medida en espazos coma estes”, salienta o presidente da Real Academia Galega. “Co seu bo facer e compromiso, as mestras e mestres son quen de nutrir a práctica, a curiosidade, o respecto e o entusiasmo pola nosa fala dos nosos fillos e fillas, dos nosos netos e netas. A escola pode e debe ser tamén un espazo privilexiado onde alimentar o amor pola lectura en galego como fiestra de aprendizaxe e goce desde a que se asomar ao mundo máis próximo e ao universo enteiro”, engade Henrique Monteagudo.

“Primavera das Letras busca ser unha ponte entre a RAG e os colexios de toda Galicia”, explica Fina Casalderrey, coordinadora deste proxecto que se desenvolve desde 2016 co apoio da Deputación da Coruña. “Desta volta o reto consistiu en falarlles aos nenos e nenas dunha autora que non escribiu para a xente miúda, pero An Alfaya conxurou os seres míticos dos seus libros e fíxoos respirar nunha deliciosa peza teatral que agardamos que se represente en moitos colexios e asociacións culturais de todo o país”, sinala a académica, tamén escritora cunha recoñecida traxectoria no eido da literatura infantil e xuvenil. “E as modernas ilustracións de Laura Romero, envolvidas nunha cor violeta que nos lembra os dereitos das nenas e das mulleres que tanto defendía Begoña Caamaño, alédannos e axúdannos a gozar máis do texto e a saber máis dunha autora que nos deixou unha magnífica obra”, valora Casalderrey.

“O Pombal comparte os valores que defendeu Begoña Caamaño”
A académica conduciu o acto que arrincou coas palabras de benvida do director do CEIP O Pombal, Daniel García, e pechou o presidente da RAG canda Beatriz Caamaño, en nome da familia da homenaxeada. Tanto a irmá da autora coma o mestre fan tamén fincapé na responsabilidade compartida de manter viva a lingua que Begoña Caamaño escolleu para vivir, traballar e crear, así como na súa defensa dunha sociedade máis xusta en todos os sentidos.

“Begoña Caamaño loitou pola igualdade entre mulleres e homes, defendeu servizos públicos como a educación e a sanidade, e tamén se comprometeu co galego, demostrando que é unha lingua chea de forza, beleza e futuro. O Pombal comparte con Begoña eses valores”, expresa o director. “Nós, como docentes queremos formar persoas críticas, sensibles e responsable, como era ela. Traballamos cada día pola igualdade real entre nenas e nenos, como dixo ela reescribindo os clásicos para facer das secundarias as verdadeiras protagonistas. Tamén defendemos o ensino público porque é de todas e todos, e tamén promovemos a lingua galega para non perdermos a nosa identidade”, engade Daniel García.

As súas protagonistas están na rúa, en todas as partes
Beatriz Caamaño destaca igualmente o compromiso da súa irmá con múltiples causas que cómpre defender: “A muller (o feminismo), a liberdade, a xustiza social e con ela a defensa dos servizos públicos (a sanidade, a educación, a información etc., garantía da igualdade de oportunidades) e, como non, a lingua, son os grandes eixos do seu pensamento, da súa obra xornalística e literaria e, en fin, da súa vida”. En relación coa primeira, a defensa da igualdade de xénero, lembra un fragmento do seu discurso na presentación de Morgana en Esmelle (2012) en Vigo. Naquela intervención, Begoña Caamaño manifestou que as protagonistas das súas historias non son personaxes creadas nin reinventadas por ela porque “existen de seu e están en todas as partes”. “Están na rúa, nas facultades, nas tabernas, nos mercados, nas fábricas, nos teatros... Ás veces, insubmisas, toman as prazas en manifestacións multicolores, noutras ocasións permanecen prisioneiras nas súas casas e pagan moi caro, mesmo coas súas vidas, o prezo da rebelión”.

En nome da familia, Beatriz Caamaño anima a rapazada a manter sempre viva a curiosidade e se mergullar no mundo da lectura como a protagonista do vindeiro 17 de maio fixo dende nena. “Mirade sempre ao voso redor cos ollos ben abertos, con curiosidade. Non deixedes nunca de preguntarvos e preguntarlles aos demáis o porqué das cousas e non teñades medo nunca, nunca, de dicir en voz alta todo aquilo co que non esteades de acordo. E lede, lede moitos libros, sede protagonistas de historias incribles, deixade que a vosa imaxinación vos leve a mundos de fantasías que, tal vez, algún día, por que non, se convertan en realidade”, conclúe.

Unha obra teatral para ler, levar á escena, adaptar e gozar
Os grandes protagonistas da festa da Primavera das Letras foron os nenos e nenas encargados de levar á escena unha representación inspirada nos primeiros compases de Uuu-uuu, BEGOÑA! (Teatro para a infancia cun LANZAMENTO, tres LANCES e un DESENLANCE), centrados na presentación da traxectoria da escritora e xornalista e na relación de mulleres que a precederon como protagonistas do Día das Letras Galegas. Entre outras chiscadelas, mereceron mención especial Rosalía de Castro, a autora que a RAG elixiu en 1963 como figura inaugural do Día das Letras Galegas, e as cantareiras, ás que lles dedicou o pasado 17 de maio, cuxo legado soou na voz e na pandeireta de Zoe, unha das pequenas que formou parte do elenco artístico. E mais a cantante Uxía Senlle, amiga de Caamaño e unha das personaxes da obra de Primavera das Letras.

O texto orixinal de An Alfaya (Vigo, 1964) transcorre na véspera do 17 de maio entre dous mundos, O Bosque do Aquén e o Bosque do Alén, e constitúe unha aventura na que Begoña Caamaño contará coa axuda das protagonistas das súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), para poñer a salvo un cofre máxico que agocha o gran tesouro das Letras Galegas 2026. “Aínda que curta, a obra literaria de Begoña Caamaño foi absolutamente renovadora no panorama galego. Deulles a volta aos mitos, nos que os heroes eran sempre os homes, e contounos dándolles voz ás mulleres. Por iso tiven claro desde o principio que nesta obra tiña que haber unha comuñón entre a creadora e as súas creacións, para achegarlles tamén ás nenas e aos nenos eses mitos. Para que saiban quen eran Circe e Morgana, para que se fagan preguntas”, expón An Alfaya.

Laura Romero (Alacant, 1991) destaca pola súa banda o “emocionante” que lle resultou ilustrar un proxecto coma este. “Existe tamén unha sensación similar ao bloqueo inicial por mor do respecto que unha lle ten á persoa homenaxeada. Con todo, foi moi sinxelo, xa que o texto e a sensibilidade de An, e a información que se me deu da Begoña Caamaño máis familiar e próxima, facilitaron moito que puidese traballar nunha personaxe e nun universo imaxinario e máxico. Desde logo Uuu-uuu, BEGOÑA! é unha maneira preciosa de achegar a figura de Begoña Caamaño á rapazada e familiarizala co teatro”, valora a creadora ordense.