As palabras de recordo de Darío Xohán Cabana repetíronse nas distintas intervencións. O académico, expresou o presidente da RAG, despediuse coa elegancia que o caracterizou sempre. “Era un dos grandes clásicos vivos da nosa literatura. Queda a súa obra. Os escritores non morren nunca na medida en que poidamos seguir visitando a súa palabra”, concluíu Víctor F. Freixanes antes de ler o seu poema “Antioquía”. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, lembrou tamén a Darío Xohán Cabana e salientou o éxito do Ano Xela Arias que está a piques de rematar.
Na quenda de relatorios, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria María Xesús Nogueira analizou a visión da escrita de Xela Arias expresada en textos autopoéticos, conferencias ou entrevistas. “As reflexións que sobre a poesía foi deixando ao longo do tempo en soportes diversos permiten a reconstrución dun discurso metaliterario que non só define claves da súa poética senón que a sitúa nunhas coordenadas estéticas e ideolóxicas”, explica a editora de Poesía reunida (1984-2003). Xela Arias. “Das primeiras salienta a importancia da linguaxe ‒a palabra‒ nun constante exercicio de indagación ‒experimentación‒ baseado na liberdade. Das segundas, a conciencia de estar a escribir desde unha condición, a de muller, e nunha lingua minorizada. E, de pano de fondo, a subversión da orde estabelecida, a denuncia dos falsos equilibrios, o cuestionamento da orde das cousas, tamén dos termos e as etiquetas”, engade.
As reflexións metaliterarias de Xela Arias abranguen distintas cuestións, entre elas o xénero. A súa definición ao respecto foise modulando co paso dos anos, permeable aos vínculos estreitos establecidos entre poesía e xénero a partir da última década do século pasado. De feito, foi en 1990 cando se definiu como feminista, aínda que tamén amosou a súa desconfianza a respecto das etiquetas “por canto tiñan de invisibilizadoras”, apunta María Xesús Nogueira. A propia poeta, lembra, chegou a declarar nunha entrevista: “Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual que co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa e outra cando as nacións soxulgadas non o sexan e as mulleres discriminadas non o estean”.
Os textos analizados por María Xesús Nogueira dan conta tamén do afán de independencia da escritora e da dificultade de acomodar a súa poética nunha xeración concreta. Sobre a visibilidade da obra da homenaxeada reflexiona tamén Chus Pato. A súa, apunta, foi unha obra “escasamente lida” nos anos nos que se publicou. “Hai obras que tardan en acadar a lexibilidade e este parece ser o destino dos libros de Xela Arias. É agora cando ao achegarnos a eles comprendemos a marca do cognoscible, do que xa na súa liberalidade podemos ler porque entre esta escritura e nós xa non existe continuidade”, expresa.
Chus Pato presentou unha análise da temporalidade “e outros animais” na escritura de Xela Arias. “Estes animais son a disonancia, o innominable, o amor e os diversos fíos que tecen o tapiz dos seus poemas”, explica a académica. Para o estudo da temporalidade parte da composición que abre o primeiro libro de Xela Arias, Denuncia do equilibrio (1986), pois quedaráno-la sombra ben atrás, “un primeiro verso de corte Manuel Antonio que á vez inclúe a sombra Rosalía”; e finaliza “coa aceptación da finitude” que supón o poema ao que pertence o verso serse intempestiva, de Intempériome (2003), o derradeiro poemario da autora.
En canto ao achegamento á disonancia, céntrase no propio título deste libro e versos incluídos nel, e trata de amosar “como mediante os procedementos derivados desta figura a poeta actúa directamente sobre a morfosintaxe do poema”. “Xela Arias sabe como quecer a linguaxe ata facela cambiar de estado físico. E a disonancia é o método máis empregado pola nosa poeta para que o poema, escrito coas palabras que son comúns a todos os usos dun idioma, sexa quen de facer agromar o innomeable”, afonda Chus Pato, que se centrará neste último aspecto, o innomeable ou límite do poema, a través do verso Galicia e nós nó de verbos nos nobelos dos nomes. Por último, profundará no amor, “un dos fíos irrenunciables nesta escritura”.
Alba Cid ofreceu no simposio un percorrido polas coordenadas culturais de Xela Arias, que comezou a publicar poesía nunha década, a dos 80, “en que se esboroan moitas das loitas contraculturais ensaiadas nas décadas precedentes”. A gañadora do Premio Nacional de Poesía Joven 2020 convida a repensar o seu encadre respecto das grellas xeracionais da poesía galega do momento e propón calibrar a súa declaración de orfandade xeracional e esquivar “inercias ben coñecidas” que, “máis que situar a súa figura na historiografía literaria, acaban por ocultala”.
“A educación sentimental de Xela Arias está necesariamente marcara por certas experiencias históricas, prácticas culturais, referentes morais, valores utópicos, lecturas, éxitos musicais e mesmo destinos de viaxes compartidos: do desengano da poética beatnik á pulsión interartística do rock independente neoiorquino, da descuberta dos poetas simbolistas a Marrocos”, repasa Alba Cid.
A poeta rematou a súa intervención convencida de que “queda moita Xela por ler, a pé de verso, coas ferramentas da teoría e da crítica”. Por agora, para seguir camiñando estas Letras 2021, o seu desexo non sería outro que acumular voces e “confiar nunha palabra ou maxia branca, no inconformismo, na celebración da metamorfose”.
O Simposio Xela Arias rematará o xoves 25 de novembro cun programa centrado na tradución, a edición e o diálogo con outra artes da autora. Contará coas achegas de Manuel Bragado, exdirector de Xerais; Ana Luna, profesora da Universidade de Vigo; a xornalista Belén López Rodríguez e María Yáñez, guionista da serie documental da RAG Xela Arias. A palabra esgazada.
Contidos relacionados