O Simposio Xela Arias, desenvolverase os xoves 11, 18 e 25 de novembro na sede da institución (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) a partir das 18:00 horas. A entrada é libre e todas as sesións poderán seguirse tamén a través de academia.gal e da canle de Youtube da Real Academia Galega. As tres xornadas concibíronse como un punto de encontro para profundar na análise da escrita, a tradución e o labor de edición da autora e tamén para gozar da súa creación a través da palabra recitada, a música, cunha actuación a cargo da Banda da Loba, e o audiovisual, coa presentación da serie web documental Xela Arias, a palabra esgazada.
A primeira xornada será inaugurada o xoves 11 ás 18:00 horas polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do simposio; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a nai e o fillo de Xela Arias, Amparo Castaño e Darío Gil. Deseguido Darío Gil Arias achegará o perfil máis íntimo da autora. O seu fillo ofrecerá “unha ollada dende o cotián” dunha muller “loitadora” sempre comprometida contra as causas inxustas. Marga do Val pronunciará un relatorio titulado “As poetas non deben retratarse”, no que se centrará nos diálogos con Xela Arias e coa súa escrita, unha obra na que, salienta, a escritora si se retratou. A quenda de relatorios rematará co de Ana Iglesias, titulado “A temeridade sálvanos de senti-la covardía”.
Vindeiras xornadas
A xornada do xoves 18 de novembro terá como eixe a voz poética de Xela Arias. A escritora e tradutora Mercedes Leobalde conducirá nesta ocasión unha mesa que contará coas achegas de María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e autora da antoloxía poética Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004); a poeta e académica Chus Pato, que falará sobre “a temporalidade e outros animais na escritora de Xela Arias”; e Alba Cid, un dos principais expoñentes da nova poesía galega, que abordará, entre outras cuestións, o contraste xeracional entre a poesía da homenaxeada e das novas voces.
A tradución, a edición e o diálogo con outras artes guiarán o 25 de novembro a última xornada. Manuel Bragado, exdirector de Xerais, o selo onde Xela Arias traballou como editora, trazará un retrato dela como pioneira da edición e da tradución galega nos anos 80 do século pasado; Ana Luna ofrecerá unha nova ollada á actividade da homenaxeada vertendo ao galego, en solitario ou de forma cooperativa, obras universais como Dublineses de James Joyce, As bruxas de Roald Dahl ou O Quixote de Cervantes; e a xornalista Belén López Rodríguez achegarase ao seu interese por conectar a poesía con outras artes, ben visible dende a primeira edición de Denuncia do equilibrio (1986), ilustrada polo seu amigo Xosé Guillermo; ou Tigres coma cabalos, onde os versos dialogan coas imaxes do fotógrafo Xulio Gil.
O encontro concluirá coa presentación da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, producida pola Real Academia Galega, a cargo da súa guionista, María Yáñez, e a proxección dunha peza audiovisual de síntese. Todos os capítulos poden verse na canle de Youtube da Real Academia Galega e a través de academia.gal.