Empezaremos por sinalar a súa participación na revista Galicia Moza, o primeiro número da cal apareceu en Santiago de Compostela no mes de xaneiro de 1909. Con esta publicación, Castelao iniciaba a súa andaina como ilustrador na prensa, pois foi el o responsable de deseñar a cabeceira e tamén o autor dalgúns dos debuxos das súas páxinas. De moi curta duración, a revista deixou de existir despois do segundo número.
Do ano 1909 son tamén algunhas das cubertas da revista viguesa Vida Gallega, ilustradas a toda cor por Castelao con escenas humorísticas ou referidas á vida cotiá no mundo rural. Apareceron entre os meses de xaneiro e novembro, nos números 1, 2, 7, 9, 10 e 11. A revista tivo unha longa existencia e as súas páxinas acolleron a miúdo debuxos do artista rianxeiro.
A habelencia de Castelao como ilustrador de prensa comeza a destacar no semanario El Barbero Municipal, publicado en Rianxo entre os anos 1910 e 1914. Tal e como indica o seu subtítulo —semanario conservador—, o periódico estaba mergullado de cheo nos conflitos locais entre liberais e conservadores, nos cales participaba o propio Castelao xunto co seu pai, Mariano Rodríguez Dios. Para esta publicación, deseñou dúas cabeceiras e ilustrou algunhas seccións fixas do semanario. Alén diso, tamén publicou varios artigos asinados e probablemente outros sen dar o seu nome.
Aínda que na Hemeroteca só se conserva un único exemplar orixinal de El Barbero Municipal (o número 158, do 19 de xullo de 1913), este ten un valor especial, xa que está dirixido a Manuel Murguía, o que mostra que o daquela Presidente da Real Academia Galega puido coñecer os inicios da carreira do rianxeiro como debuxante e escritor.
A Nosa Terra publicado entre 1916 e 1936, voceiro da Irmandade da Fala coruñesa e máis adiante do Partido Galeguista, acolleu varios textos de Castelao, así como algúns dos seus debuxos mellor coñecidos. A partir do número 25 —do 20 de xullo de 1917— a revista incorporou unha nova cabeceira deseñada por Castelao, onde empregou por primeira vez unha fonte tipográfica que se inspiraba nas letras usadas en inscricións da Galicia medieval. Ese fermoso deseño do rianxeiro mantívose como cabeceira da revista da Irmandade da Fala ata o mes de xullo de 1920.
Acceda aquí á colección dixitalizada d'A Nosa Terra no sitio da Real Academia Galega en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
A presenza de Castelao maniféstase igualmente en dúas valiosas publicacións conservadas na Real Academia Galega: o xornal Galicia de Vigo, que viu a luz entre 1922 e 1926; e a revista NÓS, editada en Ourense dende 1920 ata 1935.
Ao longo dos anos de vida do xornal vigués, Castelao deu a coñecer nas súas páxinas ao redor de seiscentos debuxos, o que supón unha porcentaxe moi importante da súa obra gráfica. Este feito converte Galicia nunha referencia esencial para coñecermos o labor de Castelao como debuxante. Tamén deseñou a cabeceira do xornal, usando para iso unha nova versión dos caracteres tipográficos inspirados nas letras medievais. Foi mediante o emprego deste tipo de letra en diversas cabeceiras de prensa como se foi popularizando a tipografía creada polo artista rianxeiro, a cal pasou a se converter nunha auténtica icona da galeguidade que segue en uso nos nosos días.
Acceda aquí á colección dixitalizada do xornal Galicia no sitio da Real Academia Galega en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Canto á revista NÓS, a pegada de Castelao xorde continuamente nas páxinas desta publicación da que el foi o director artístico. Achámola nas diferentes cubertas que deseñou para ela; nas letras capitais inseridas ao comezo dos textos; en viñetas e motivos de adorno; nos anuncios publicitarios; e, por suposto, maniféstase tamén nas súas ilustracións e nos seus escritos. Foi alí onde publicou algúns treitos do diario da súa viaxe por Francia, Bélxica e Alemaña, ademais de artigos sobre arte, fragmentos literarios e mesmo algunha mostra de literatura oral recollida da tradición popular. Alén de ser a grande empresa cultural do galeguismo, NÓS foi tamén un medio para a expresión da habelencia artística de Castelao e das súas inquedanzas intelectuais. Pódese afirmar, por exemplo, que a última versión da cuberta que deseñou para NÓS e que incorpora un dolmen alumado polo Sol —presente dende agosto de 1926 ata o final da revista— é posible considerala como unha perfecta representación simbólica dos ideais galeguistas que el defendeu.
Para rematarmos este rápido percorrido, cómpre referírmonos a unha publicación da nosa Hemeroteca na que se dá conta dos anos do exilio de Castelao e da intensa actividade política realizada en defensa da legalidade republicana e a prol da autonomía de Galicia. Trátase d’A Nosa Terra, revista editada en Buenos Aires e herdeira do nome e da orientación do semanario galego mencionado máis arriba. Nela quedaron rexistrados con moito detalle as iniciativas políticas do rianxeiro, os seus actos públicos e os seus discursos.
Esta nova reencarnación do vello voceiro da Irmandade da Fala coruñesa asumiu a vontade de manter viva a memoria de Castelao —finado o 7 de xaneiro de 1950— e de defender o legado das súas ideas.
O número especial d'A Nosa Terra do 25 de xullo de 1950 estivo dedicado por enteiro a Castelao
Acceda aquí á colección dixitalizada d'A Nosa Terra no sitio da Real Academia Galega en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.