Carlos Valle responde o Cuestionario Filgueira Valverde

O doutor en Historia da Arte, Carlos Valle (Pontevedra, 1953) é director do Museo de Pontevedra desde 1986 e, ademais, membro dos Padroados do Museo do Pobo Galego e do Centro Galego de Arte Contemporánea entre outros cargos.
Carlos Valle
Carlos Valle


Que importancia tivo a figura e a obra de Filgueira Valverde na vida cultural galega nos dous segundos terzos do século XX?
Foi unha figura esencial tanto polos cargos que ocupou (baste lembrar que foi conselleiro de Cultura, o primeiro de Galicia, ou presidente do Consello da Cultura Galega) como polas iniciativas que promoveu nos ámbitos máis dispares (docente, académico, patrimonial, museístico, etc.) e as investigacións e publicacións que realizou, moitas pioneiras, as máis aínda hoxe de imprescindible referencia.

Cales foron as súas achegas máis importantes ás letras galegas estudos históricos e artísticos en Galicia?
No campo das letras, sen dúbida, o máis destacado da produción científica de Filgueira Valverde foron os seus estudos sobre lírica galego-portuguesa. Son tamén importantes os que realizou sobre Frei Martín Sarmiento, Rosalía de Castro ou Valle-Inclán.

No ámbito dos estudos históricos resalto o conxunto reunido en 3 volumes titulado finalmente "Pontevedreses Universales". Dá idea da amplitude dos seus intereses e coñecementos.

No capítulo artístico sobrancean, por un lado, as súas investigacións sobre o baldaquino en Galicia antes dos tempos barrocos (traballo realizado coa colaboración de Xosé Ramón e Fernández-Oxea), o Barroco en xeral, particularmente o compostelán, o gravado santiagués, a pintura dos séculos XIX e XX (el foi o creador, fronte ao da "Xeración Doente" de F. Bello Piñeiro, do termo / concepto de "Xeración Triunfante", utilizado para englobar a aqueles artistas que, como Sotomayor ou LLoréns, nacidos nos mesmos anos que os "doentes", puideron completar con normalidade o seu ciclo vital) e as artes decorativas (ourivería, acibeches,esmaltes, cerámica, etc.).

Que vixencia conserva a súa obra hoxe en día?
A súa obra, no esencial e malia os avances da investigación nas áreas que cultivou, continúa vixente, sendo aínda de consulta imprescindible a día de hoxe. Hai un antes e un despois dos seus traballos.

Que pegada deixou a súa obra nos estudos e nos pensadores e ensaístas galegos contemporáneos?
Esta pregunta, en boa medida, reitera a anterior. Vixencia e pegada son conceptos difíciles de separar. Cabe engadir ao xa indicado, en todo caso, que, dada a amplitude e a diversidade da súa obra, será difícil atopar un tema susceptible de ser investigado e de interese para Galicia no ámbito das Letras, da Historia ou da Arte, no que non apareza, por mínima que sexa, algunha referencia, algunha pista, algunha reflexión de utilidade.