Imaxe de Xoán Vicente Viqueira
Xoán Vicente Viqueira cursou o bacharelato en Madrid, na Institución Libre de Enseñanza dirixida por Giner de los Ríos, e completou a súa carreira académica nas universidades de París e Berlín. Alí puido asisitir ás aulas de Bergson, Husserl ou Wundt, converténdose nun dos intelectuais mellor formados da súa época.
Militante desde moi novo nas Irmandades da Fala, as súas concepcións teóricas marcadas decisivamente polo krausismo e o positivismo supuxeron un forte contraste coa liña máis conservadora do nacionalismo galego inspirada por Vicente Risco. Viqueira colaborou tamén asiduamente con A Nosa Terra onde defendeu, entre outras cuestións, a modernización e galeguización do ensino en Galicia, a conciliación entre nacionalismo e socialismo e o achegamento progresivo da ortografía galega á portuguesa.
Con motivo da súa morte, A Nosa Terra dedicoulle unha sentida homenaxe que se pode consultar aquí. A Real Academia Galega, pola súa parte, consagrou o Día das Letras Galegas do ano 1974 na honra do que, segundo Ramón Piñeiro, puido ser o primeiro gran filósofo galego moderno.