Ramón Cabanillas, á dereita da imaxe, co escritor portugués Julio Dantas no balneario de Mondariz. Fonte: Arquivo da RAG
Meakin acudiu á celebración en representación de Inglaterra, segundo conta nunha das dúas crónicas que escribiu para os xornais The Times e The Morning Post, conservadas no arquivo da Real Academia Galega xunto a unha tradución manuscrita dos dous textos. Ramón Cabanillas, "the poet of the Gallegan race", explicaba en The Times, leu un interesantísimo discurso, A saudade nos poetas gallegos, documento dispoñible en versión dixital na web da Academia. A cerimonia do ingreso do cambadés, proposto por Francisco Tettamancy y Gastón, Florencio Vaamonde Lores e Eladio Rodríguez González, tivo lugar a segunda noite do "festival de tres días" que a RAG celebrou en Mondariz.
O salón de festas do balneario fora decorado artisticamente para a ocasión "coas cores nacionais de Galicia" baixo a dirección do "distinguido pintor galego" Francisco Llorens, quen daquela estaba a enviar catro cadros á exposición de pintores españois de Londres, detalla Meakin na crónica para The Morning Post. No encontro ingresou tamén na Academia, un día antes ca Cabanillas, o sacerdote e dramaturgo Antonio Rey Soto, autor de "inmortal fama non só na península española, senón tamén en todas as repúblicas españolas de América do Sur", engadía a autora de Galicia: the Switzerland of Spain (1909).
O texto remitido a The Times céntrase máis no propio Cabanillas e incide na parte do seu discurso na que salienta a proximidade entre Galicia e Portugal. "O corazón dinos ôs gallegos que o Miño non ê un río que sopara sinón unha ponte de amor que abraza e que axunta", reproduciu Meakin.
O arquivo da Academia conserva tamén, entre outros documentos sobre Cabanillas, unha carta a Enrique Peinador co borrador de O mariscal, escrita en colaboración con Antón Villar Ponte en 1926, e que significou un primeiro chanzo na construción dun teatro nacional galego.
A Academia homenaxeou ao poeta de Cambados en 1976 dedicándolle o Día das Letras Galegas 17 anos despois do seu pasamento. A súa biografía máis completa, Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, escribiuna o recentemente finado Luís Rei, bibliotecario e técnico de cultura do Concello de Cambados.