Berta Dávila participou este mediodía nos XXXIV Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” –organizado pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela– cunha charla na que reflexionou sobre os condicionamentos e os lugares de enunciación da literatura galega actual. A escritora compartiu co máis de medio cento de estudantes procedentes de Europa, América e Asia o que significa vivir o traballo como escritora “cando a túa ferramenta para facer literatura está condicionada por un contexto sociolingüístico moi particular”.
“Cando se entrevista un autor francés, por exemplo, que vén dunha realidade lingüística hexemónica, normalmente a percepción da súa obra non parte do idioma que emprega. Pero cando procedemos de Galicia e escribimos en galego si que ás veces se corre o risco de que a lingua pareza a cuestión dominante, que paira por riba de calquera outra, incluída a propia literatura”, compara.
A autora relaciona este tipo de consideracións coa percepción limitada que en ocasións atopa aínda fóra de Galicia sobre as industrias culturais do país e da propia literatura galega. “Escribir en galego ten obviamente dificultades, pero coido que en ocasións hai unha perspectiva do noso sistema máis reducida do que en realidade é. Por iso me parece oportuno e necesario falar de todo o bo que ten. Houbo autores e autoras que construíron moito e a miña intención é sempre de seguir crecendo a partir de aí. Temos cousas interesantes e estimulantes ás que paga a pena achegarse”, conclúe.
A de Berta Dávila é unha das novas voces literarias máis destacadas do país. Foi distinguida en dúas ocasións co Premio da Crítica Española en lingua galega, polo poemario Raíz da fenda (Xerais, 2013) e a novela Carrusel (Galaxia, 2019). É tamén autora d’O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia, 2013), Premio Repsol de Narrativa Breve e premio da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción e adaptado como novela gráfica. Con Os seres queridos (Xerais, 2022), obtivo o Premio Xerais de Novela, o premio Follas Novas ao mellor libro de narrativa de 2022 e o premio da Crítica Galicia. Algúns dos seus libros foron traducidos ao castelán, ao catalán, ao italiano e ao inglés. A súa última novela é A ferida imaxinaria (Xerais 2024).
Os XXXIV Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” desenvólvense en Santiago de Compostela do 3 ao 24 de xullo. O programa combina clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas, organizadas en tres niveis, con excursións, saídas culturais, obradoiros de música e baile tradicional e palestras. Neste último apartado, tras o relatorio de Berta Dávila, o alumnado escoitará nos vindeiros días a Rosalía Fernández Rial, que ofrecerá un relatorio sobre o poético en diálogo con outras artes; o catedrático de Historia Contemporánea da USC e académico de número Lourenzo Fernández Prieto, quen se deterá na emigración contemporánea a América; e a académica correspondente e profesora de Didáctica da Lingua da USC Montse Pena Presas, que achegará os estudantes á vida e á obra de Luísa Villalta, a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2024.