Barco é termo xenérico que se aplica a calquera construción de madeira, de ferro ou doutro material, grande ou pequena, que se despraza sobre a auga do mar, impulsada por remos, polo vento ou por rodas ou hélices movidas por un motor.
Barcos son as dornas e gamelaspara pescar ou mariscar a flote ou as lanchas xeiteiras da sardiña, coma o son os galeóns das Rías Baixas e os trincados das Rías Altas cos que se transportaban mercadorías. Todos estes barcos tradicionais construíanse (e constrúense) con madeira, o mesmo material dos barcos que hai anos saían de Bouzas ou da Coruña para faenaren entre os vagallóns do Gran Sol ou de Terranova, con mariñeiros galegos que os ingleses chamaban "homes de ferro en barcos de madeira".
Barcos son os modernos gransoleiros de ferro, os navíos de guerra, os trasatlánticos, os catamaráns (e trimaráns) ou as planadoras, rápidas e lixeiras lanchas con motor foraborda que navegan elevándose parcialmente fóra da auga e que se usan para pescar e mariscar ou para andar ao contrabando.
Segundo a información que fornece o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) na historia do galego escrito moderno a primeira documentación de barco documéntase no Coloquio de 24 gallegos rústicos (1746) do Padre Sarmiento:
Por fin os navíos
e barcos dos pescos
se ven navegare
e mais se están quedos;
As seguintes documentacións corresponden a José Fernández Neira, R. González Senra, Nicomedes Pastor Díaz e, sobre todo, a Xoán Manuel Pintos, que usa este termo nos Contos de aldea (1846) e na Gaita Gallega (1853), á que pertencen estes versos:
Estou agardando un barco
que ven cargado de negros
que anque brancos son escravos
procedentes dese reino.
Barca é termo xenérico para construcións de madeira, xeralmente de pequeno tamaño, de fondo plano algo arqueado e sen quilla, que navegaban nos ríos valéndose, sobre todo, de remos ou de varas. Servían para pescar e para pasar persoas, gando ou mercadorías, aínda que hoxe máis ben se usan para lecer.
Ata mediados do século XX había unha tipoloxía moi diversa de barcas nos ríos galegos, que foron desaparecendo a medida que se construíron moitas pontes. Ten dobre caso o barco de dornas, especie de catamarán con dous troncos escavados (as dornas) unidos por unha armazón e que se usou no Miño e noutros ríos galegos.
O normal é que as barcas sexa monocascos. Unhas teñen forma trapezoidal ou rectangular, coma o batuxo da Terra Chá, coa proa curvada, que lle permite navegar suavemente cortando a auga; a barca do Ulla, con fondo moi curvado, a barca do Sil ou a barca de Chantada, propia da Ribeira Sacra e que se usou como barca de paso nos portos fluviais de Ourense e Ribadavia. Outras teñen a proa en punta, coma a barca do Landro, a barca da lagoa de Antela ou o carocho do tramo final do Miño para andar ao meixón (cría da anguía) e que se constrúe a calime como as dornas do mar.
As barcas de pasaxe eran de gran tamaño, movíanse con vara, con remos ou atadas a un cabo, a vela e logo tamén a motor. Servían para a navegación transversal para transportar xente, mercadorías ou gando dunha ribeira a outra, sobre todo nas romarías e feiras. Foron desaparecendo, pero déronlle nome a pontes e lugares, como ocorre en Cambados coa Ponte da Barca no esteiro do Umia, e o co lugar da Barca despois de cruzar a ponte, ou coa Ponte da Barca, en Pontevedra, a derradeira do río Lérez.
Segundo o TILG, a primeira documentación de barca no galego moderno está nas Proezas de Galicia (1810), de José Fernández y Neira: "e de todas as barcas que había, fixemos unha ponte, porque a antiga estaba cortada, e desta forma se estuvo a xente embarcando toda a noite". Moitos outros autores usaron este termo, como recentemente Manuel Rivas na obra Os libros arden mal (2006):
Aquel río tiña un ser de gramófono. O singrar das barcas era un rego de canción. Claro que aquel non era sitio para ela. ¿Unha monxa nos Caneiros?, dixo ela. Coa mala sorte que dan as monxas nas barcas.
Embarcación é termo xenérico que engloba os barcos do mar e as barcas dos ríos. A primeira documentación do galego escrito moderno está n'O romance da urca de Santo Anton (1777):
Foyse, pois, determinando
á salir do seu boguío
é á subír as escaleyras
pirou facendo peniscos,
porqu'-ainda á embarcacion
iba pejand'-óseus brincos.
A urca é un barco de vela do século XVIII da mariña de guerra española; e no citado romance, de autoría anónima, cóntanse feitos reais que ocorreron na travesía dunha urca entre A Habana e Ferrol entre abril e xuño de 1777.
A seguinte documentación figura nos Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro, que no poema referido ao santuario e á romaxe da Virxe da Barca de Muxía emprega os termos barca e embarcaçon:
Todos van por visitala
todos alí van por vela
na súa barca dourada,
na súa barca pequena
dond ' están dous anxeliños
dous anxeliños que reman.
Alí chegou milagrosa
nunha embarcaçón de pedra.
É bastante común que galegofalantes das terras do interior, cando se achegan á costa e ven dornas, gamelas e outros barcos, sobre todo os tradicionais de madeira, falen de barcas, cando en galego estas son as embarcacións fluviais (ou as que antes había nas atraccións das festas ou as que hai no estanque do parque do Retiro madrileño para navegar a remo), mentres que barcos son as embarcacións que navegan polo mar, á marxe do tamaño e do material co que se constrúan.
E como remate, cómpre saber que cando alguén pretende manifestar desinterese polo que lle están a dicir ou quere que a persoa coa que está a falar cambie xa de tema, en portos da beiramar galega emprégase con retranca a expresión fálame de barcos.