
A rapazada do CEIP Concepción López Rey de Baleira (Lugo) será a encargada este venres, 30 de outubro, de baixarlle o pano á campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra deste ano 2026. A última cita co programa divulgativo sobre o valor cultural da toponimia tradicional e a súa salvagarda a través da plataforma dixital Galicia Nomeada terá lugar ás 12:00 horas, no propio centro de ensino e estará aberta tamén a toda a veciñanza. O alcalde de Baleira, Ángel Enrique Martínez-Puga López, xunto co director do centro, Pablo Abuín, presentarán a sesión, que impartirá o coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG e coordinador técnico de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo.
A campaña da Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua regresa ás terras de Burón, tras o seu paso polo concello da Fonsagrada en 2022, e detense en Baleira pola necesidade de impulsar no seu territorio a recolla da microtoponimia que corre o risco de se perder para sempre. Cómpre salientar que Baleira non participou no seu momento no Proxecto Toponimia de Galicia (2000-201) e que desde o lanzamento, a finais de 2019, de Galicia Nomeada só se rexistraron 217 novos microtopónimos no seu termo municipal, contribución de 6 persoas colaboradoras. Nalgunhas freguesías, como A Lastra ou A Esperela, só se recolleu neste tempo un topónimo novo e ningún nas freguesías de Librán, Pousada, Córneas, A Degolada ou A Fontaneira.
Con estes antecedentes, Toponimízate chegará a Baleira coa intención de concienciar a rapazada do importante papel que pode desempeñar na conservación dos nomes propios da súa terra, achegando a súa familiaridade co uso da tecnoloxía para rexistrar coñecemento do territorio que teñen os seus avós e avoas e demais veciñanza de idade avanzada. A charla fará así fincapé nas explicación sobre o uso de Galicia Nomeada, que mesmo permite xeorreferenciar micotopónimos in situ a través da súa aplicación para dispositivos móbiles. Explicaranse tamén con detalle todas as demais posibilidades que ofrece esta ferramenta para a recolla de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de se perder, como introducir información escrita adicional que sexa de interese sobre el (lendas, descricións...), un arquivo de son coa súa pronuncia, imaxes que o ilustren etc.
Para rematar, Vicente Feijoo explicará tamén a orixe e significado dos topónimos das parroquias e aldeas de Baleira, un traballo para o que conta coa colaboración do académico Gonzalo Navaza. Tamén se debaterá sobre a etimoloxía do nome do concello, Baleira, pois existe moita documentación antiga onde aparece como A Valeira, con artigo e coa grafía <v>. O Seminario de Onomástica da RAG xa manifestou que estaría dispostos a aceptar a modificación do topónimo oficial se a corporación municipal o solicita formalmente, pois existen argumentos científicos abondo para realizar o cambio.
Unha campaña que percorre o país
Dende o ano 2017, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua están ofrecendo charlas divulgativas por medio do programa Toponimízate en concellos, colexios, asociacións culturais e centros de maiores. Baleira será o concello número 120 en que se realiza esta iniciativa; unha campaña que terá continuidade no vindeiro 2027 noutra ducia de municipios.


