Tribuna

As Letras Galegas na Galicia exterior

O pasado 17 de maio Galicia festexou o 60º aniversario da celebración do Día das Letras Galegas, data festiva que tinxe de cor a realidade cultural de Galicia, expande fronteiras, aglutina ideas e sementa esperanza. Os múltiples actos desenvolvidos, principiando polo evento central que organiza a Real Academia Galega, procuraron achegar ao pobo –unha vez máis, coma naquel afastado 1963– historia, identidade, universalidade e o sentimento de pertenza tan necesario que don Francisco Fernández del Riego, exemplo de perseveranza e sensatez, transmitiu dende o abrente dos seus días.

Chegaron os tempos que non admiten indecisións e moito menos liortas estériles. O contexto actual esixe moderación, mesura, entendemento e proxectos que non desvirtúen ideas, fundamentalmente, aquelas que nos legaron os devanceiros e que eles fincaron en valores imperecedoiros e connaturais ao ser humano, estes hoxe en franca decadencia. 

"Soio con língoa propia pode térese unha cultura propia; somentes con cultura propia pódese faguer figura no mundo, pois os pobos con cultura emprestada nin siquera pertescen á historia". Estas palabras, extraídas do capítulo que don Paco destinou ás Irmandades da Fala no seu discurso de ingreso como membro de número da máxima institución cultural galega o 26 de novembro de 1960, deberían constituír a inquebrantable agulla de marear que amalgame razóns. Xa o expresou Ramón Piñeiro: "Do mesmo xeito que elaboramos a nosa antropoloxía partindo do conceito do homo sapiens, poderíamola elaborar partindo do conceito do homo loquens. Sería, quizáis, un punto de partida máis riguroso. Porque é xustamente a palabra, a facultade locutiva, a que lle dá ó home a súa peculiaridade ontolóxica". Velaí a importancia e vixencia do 17 de maio para espertar conciencias adormecidas.

Na Coruña, en Lugo, en Ourense, en Pontevedra… E tamén en Barcelona, nos Estados Unidos, en México, en Venezuela, en Cuba, en Australia, no Uruguai, na Arxentina… Nesa mancomunidade de compatriotas que con orgullo enarboran a bandeira galega de corazón e día a día dignifican a nosa terra con paso silandeiro, tamén está o orbe das nosas letras acotío presente. E isto non é un paradigma menor; este feito é un capital que require escoita, atención e apoio alleo a esmolas, centrado en propostas construtivas e precisas que eviten directrices uniformes e elaboren suxestións enriquecedoras e solidarias. Abofé, cómpre avaliar estratexias e analizar intencións para sortear circunscricións reducionistas. É conveniente deseñar unha nova folla de ruta que contemple todos os ronseis migratorios para con eles trazar unha rede activa, moderna e puxante que transcenda minifundios e nos mergulle con valentía na Galicia global esparexida polo mundo adiante.

Esa Galicia das múltiples órbitas descoñecidas ou pouco exploradas, obviadas por desinterese ou abafadas por beneplácitos improdutivos, precísase máis hoxe ca nunca para estarmos e sermos, pois na conxuntura que andamos calquera proceso contemplativo conduce irremediablemente á involución e –por extensión– á temida desaparición.

A Galicia exterior existe e esta existencia non debe entenderse como unha rémora do pretérito senón como un principio de futuro que deberiamos aproveitar política e culturalmente. Sen dúbida; a nosa terra ha de superar lindeiros acoutados e mergullarse de cheo nas novas dinámicas que a etapa que discorre esixe para evitar a retagarda e procurar vangardas. Por isto, a importancia do traballo que han de capitalizar as institucións e colectivos que dende fóra das catro provincias administrativas seguen a defender unha marca que circula polo alicerce individual e colectivo de cada galego e galega aló onde sexa o seu lugar de residencia é compoñente cardinal.

Nesta era na que a tecnoloxía está alancando a unha velocidade ineludible cunha intelixencia artificial que irrompeu nas nosas vidas para transformar o xeito de traballar e cambiar dinámicas integrais, estamos diante dunha oportunidade única que non debemos desaproveitar. Con certeza, se somos quen de potenciar o sentimento de pertenza nas novas xeracións –iso xa, cunha revisión urxente dos plans de estudo e deseños curriculares escolares das materias de lingua galega e literatura, historia e xeografía de Galicia–, o galego poderá compartir espazos en igualdade de condicións, enaltecendo a diversidade e esquecendo homoxeneidades empobrecedoras.
 

Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro
Académico correspondente e director do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo