Elena Vázquez Ledo e Mercedes Peón na gala organizada pola Deputación da Coruña.
Fonte: Deputación da Coruña
Un momento da estrea da ópera baseada en Concerto para un home só.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Acto institucional da Universidade de Santiago de Compostela dedicado a L. Villlalta
Fonte: USC
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asistiu ao acto da USC no pazo de Fonseca.
Fonte: USC
O académico correspondente Afonso Vázquez Monxardín, na primeira fila, durante o acto da Universidade de Vigo
Fonte: DUVI
Un momento da conversa entre Montse Dopico e Isabel Mociño na UVigo.
Fonte: DUVI
O académico Anxo Angueira posa cunha das alumnas premiadas pola UVigo.
Fonte: DUVI
Foto de familia das persoas participantes na gala celebrada o 15 de maio no Colón.
Fonte: Deputación da Coruña
A académica Fina Casalderrey posa cos mozos e mozas asistentes ao acto da Deputación de Pontevedra.
Fonte: Deputación de Pontevedra
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, coa familia de Luísa Villalta ás portas do Colón antes do acto coorganizado pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.
Fonte: Arquivo RAG
Rosa Cedrón nun momento da súa actuación no acto da Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.
Fonte: Arquivo RAG
A familia de Luísa Villalta na inauguración da exposición que pode verse en María Pita.
Fonte: Arquivo RAG
Alumnado participando no acto institucional da Universidade da Coruña.
Fonte: UDC
Acto institucional da Universidade da Coruña.
Fonte: UDC
Concerto especial do Día das Letras Galegas da banda municipal de Sada.
Fonte: Concello de Sada
Alumnas recitando poemas de Villalta no acto institucional do Concello de Santiago.
Fonte: Concello de Santiago
A académica María Dolores Sánchez Palomino intervén no acto celebrado no IES Isaac Díaz Pardo.
Fonte: Concello de Sada
A académica correspondente Montse Pena Presas, alumna da homenaxeada no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, pronunciou canda María Xesús Nogueira a conferencia sobre a autora homenaxeada no acto académico que a Universidade de Santiago de Compostela celebrou o 16 de maio, ao que asistiu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Ambas as profesoras son as coordinadoras do volume Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta, editado pola USC.
A Universidade de Vigo celebrou o seu acto oficial no campus de Ourense, no que o académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín representou a RAG. O programa incluíu unha conversa entre Montse Dopico, autora da biografía sobre Villalta publicada por Xerais, e a profesora Isabel Mociño; a proxección de varios vídeos sobre a escritora realizados polo alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social; a entrega do distintivo de galeguización Gal Ego 23; e mais a entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución da UVigo, na que participou o profesor e académico de número Anxo Angueira.
O paraninfo da Maestranza acolleu o acto central da Universidade da Coruña, no que se presentou a edición especial da institución do ensaio Por que os homes non nos len? de Luísa Villalta. Conducido pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya, tivo como protagonistas alumnado e profesorado de centros educativos da Coruña e Sada que deron lectura a poemas da homenaxeada.
A Deputación de Pontevedra celebrou tamén unha lectura de poesías na que participou a académica Fina Casalderrey recitando os poemas “Antiquísima” e “O oco da palabra”, e mais o derradeiro do poemario póstumo inacabado As palabras ingrávidas. Da parte musical encargouse o cuarteto de corda do CMUS Manuel Quiroga.
O teatro Colón da Coruña, a cidade de Villalta, foi o escenario de distintas celebracións na súa honra. A Deputación celebrou o 15 de maio unha gala, conducida por Yolanda Castaño e Dores Tembrás, e inspirada no seu primeiro poemario, Música reservada (1991). O espectáculo xuntou música e poesía da man de Janet Novás; Mercedes Peón e Elena Vázquez Ledo; Hugo Gómez-Chao e Adriana Aranda; Eva Vieites; Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia.
Na véspera do 17 de maio, o mesmo auditorio viviu o concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega, a estrea da ópera de cámara de Federico Mosquera Concerto para un home só, a partir da obra teatral homónima de Villalta; e o propio Días das Letras Galegas o Colón foi o espazo elixido para o acto institucional coorganizado pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.
A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña colaboran ademais na exposición Luísa Villalta. A música das palabras, inaugurada o propio 17 de maio. A mostra, producida por Merlín Comunicación, pode verse no pazo municipal de María Pita.
Sada, onde Luísa Villalta exerceu como docente dende 1991 ata o seu pasamento en 2004, está a ser outro centro destacado destas Letras Galegas 2024. Entre outras iniciativas que continúan nos vindeiros días, o seu instituto, o Isaac Díaz Pardo, celebrou un acto de homenaxe que contou coa intervención da académica María Dolores Sánchez Palomino canda Rubén Anido, profesor do centro e alumno de Villalta; e Susana Villalta, irmá da autora. O cantautor Paris Joel púxolle o ramo ao encontro. A veciñanza sadense puido ademais gozar doutras actividades como o concerto especial do Día das Letras Galegas ofrecido pola banda municipal.
No Concello de Santiago de Compostela, onde Villalta estudou os últimos anos da carreira de Filoloxía, sumouse á celebración coa lectura dunha declaración institucional a prol do uso do galego e un recitado de poemas por parte de alumnado do IES Rosalía de Castro e Marga Romero e Esperanza Mariño, especialistas na obra da escritora.