As Letras Galegas de Luísa Villalta dan a volta ao mundo

A Universidade Estadual de Mato Grosso do Sul celebrou o pasado 17 de maio o seu I Día das Letras Galegas, unha iniciativa do Curso de Letras Português / Espanhol na que colaborou a Real Academia Galega. A xornada dedicada á escritora Luísa Villalta foi seguida en moitas outras partes do mundo, con propostas diversas promovidas polos centros e asociación da diáspora, os centros de estudos galegos ou antigos estudantes dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” como Vikash Kumar Singh. O profesor de castelán na India compartiu co alumnado da universidade onde desenvolve o seu labor versos de Luísa Villalta vertidos por el mesmo ao hindi.

1/6

Os profesores Flávio Zancheta Faccioni, Augusto Moretti de Barros e Sandra Espindola Macena coordinaron o I Día das Letras Galegas na Universidade Estadual de Mato Grosso do Sul do Brasil, cun programa que contou coa colaboración da RAG, a Universidade de Santiago de Compostela e a Rede Galabra. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, participou virtualmente no encontro cunha intervención audiovisual sobre as Letras Galegas de Luísa Villalta, e a académica Ana Romaní sumouse á celebración cun recitado dun poema da autora á que a Academia lle dedicou este ano a gran festa da cultura galega.

Na India tamén se falou esta primavera de Luísa Villalta. Vikash Kumar Singh, profesor da Indira Gandhi National Open University, presentoulles aos seus estudantes a autora coruñesa e traduciu ao hindi poemas de Papagaio, dous dos cales recita no seguinte vídeo.

En Lisboa, nun programa organizado conxuntamente polo Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa e o Centro Galego de Lisboa, a celebración xuntou, seguindo o ronsel da homenaxeada, poemas e música. Héctor Pardo, lector de galego, e Mariana Filipe no violonchelo abriron a festa, que contou tamén coa participación da banda Chicharrón de Carballo e rematou cunha foliada.

Os festexos arredor da lingua e da cultura co gallo do Día das Letras Galegas tamén se repetiron por toda España. Na capital catalá a Asemblea Cultural Galega de Barcelona celebrou o Primavera Son, que contou, entre outras actividades, cun bingo musical con temas do Xabarín Club, un teatro encontro sobre Luísa Villalta a cargo de Furafollas Agrupación Teatral e un concerto de Terbutalina.

En Reino Unido, REGA UK organizou, coma en anos anteriores, unha celebración co gallo do Día das Letras Galegas e en América, entre outras homenaxes, o Colexio Arxentino Galego Santiago Apóstolo gozou do seu tradicional acto cultural, que implicou toda a comunidade educativa; o Centro Galego de Montevideo convidou a comunidade galega no Uruguai a unha representación do grupo de teatro do Padroado da Cultura Galega; e a Irmandade Galega de Venezuela organizou unha exposición sobre a escritora homenaxeada.