Na estrea presencial na Rúa de Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z participarán máis de douscentos escolares desta vila da comarca natal do poeta e activista cultural, un dos referentes do exilio galeguista en México, que a través da súa figura foi homenaxeado por primeira vez na gran festa da cultura galega.
A estrea simultánea en Valdeorras e en liña chega despois de que a película se presentase no Festival Internacional de Cine de Ourense e no festival Cineuropa de Santiago de Compostela. A sesión matinal contará coa presenza de Aser Álvarez, produtor, director e guionista do documental, que conversará co alumnado sobre o proceso de realización dunha proposta concibida en boa medida para un público novo.
A directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes, anima a comunidade educativa de toda Galicia a despedir o ano de Delgado Gurriarán seguindo en directo a través de Youtube o filme.
Xa o domingo, ás 20:00 horas, o Centro Cultural Avenida da Rúa será o escenario da preestrea da longametraxe documental Florencio na Terra, producida por SocialDocs. A proposta de Domingo D. Docampo inclúe secuencias de animación que recrean episodios da vida de Florencio Delgado Gurriarán e constitúe un achegamento persoal e creativo á figura do poeta. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.