Xosé Filgueira Valverde
A Academia
O 4 de xullo de 2014, o Plenario da Academia elixía a Xosé Fernando Filgueira Valverde como figura protagonista do Día das Letras Galegas 2015. Desde aquela data ata hoxe, a Academia foi publicando na páxina dedicada a Xosé Filgueira Valverde do seu portal web un resumo da súa biografía así como unha extensa escolma bibliográfica , ademais dunha serie de novas relacionadas con este autor, que inclúen desde cuestionarios sobre a súa figura a personaxes de relevo da nosa cultura, como Camiño Noia, Ramón Nicolás, Carlos Valle, Xesús Ferro Ruibal ou Xosé Neira Vilas; reproducións de textos orixinais de Filgueira Valverde tirados, sobre todo, dos seus Adrais, como "A campá ferida", "A festa dos maios" e "O certame de O Galiciano" e mesmo un retrato do Vello Profesor da man do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.
Novidades editoriais
O presidente da Academia foi tamén o autor de dous dos estudos biográficos publicados ata o de agora sobre o protagonista do Día das Letras Galegas deste ano: Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, en Xerais, e Xosé Filgueira Valverde. O intelectual, o galeguista, o profesor, o investigador, editado por Ir Indo. O Consello da Cultura, pola súa parte, reeditou con limiar de Ramón Villares a obra Os nenos. publicada orixinalmente por Lar en 1925. Mais, sen dúbida, o maior esforzo editorial na publicación da obra de Filgueira correspóndelle a Galaxia. A editorial viguesa vén de inaugurar a Biblioteca Filgueira Valverde co fin de organizar a produción deste autor, quer a literaria, coa reedición de Quintana viva e O Vigairo; quer a xornalística, dando ao prelo de novo os míticos Adral do Vello Profesor.
A Universidade de Santiago de Compostela tamén participou no ano Filgueira publicando o estudo monográfico Xosé Filgueira Valverde, a cargo de Anxo Tarrío, en canto o profesor da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato, daba ao prelo unha escolma de poemas atribuídos a Filgueira: A poesía oculta de Filgueira Valverde, imprentada por Baía Edicións. Para rematar co capítulo de achegas institucionais, cómpre sinalar a publicación, por parte do Centro Ramón Piñeiro dun dos seus Cadernos, o XXXI, no que máis de trinta autores analizan a figura do polígrafo pontevedrés.
Por último, o xornal La Voz de Galicia repartirá este domingo 17 de maio entre os seus lectores un monográfico no que se recolle unha colectánea de artigos publicados neste xornal por Filgueira Valverde. O volume conta cun limiar do membro de número da Academia Xesús Ferro Ruibal.
Pezas audiovisuais e exposicións
No referido ás producións audiovisuais, salienta o documental producido pola Consellería de Educación e Cultura, Contextualizando a Filgueira Valverde , no que participan, entre outros, os membros de número da Academia Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Víctor Freixanes, Francisco Fernández Rei, ademais de Inma López Silva, Carlos Valle, Luís Cochón ou Lourenzo Fernández Prieto entre outros, e que se pode consultar nesta ligazón.
Cartel da exposición dedicada a Filgueira Valverde no Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra, pola súa parte, dedícalle unha exposición ao que foi o seu director entre 1940 e 1986, que baixo o título, Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia, e con Carlos Valle en labores de comisario, fai un percorrido polas sucesivas estacións vitais e campos de acción dun intelectual que pola fecundidade e calidade da súa obra, a variedade dos seus intereses e o seu longo período de produción que se estendeu ao longo de case sete décadas marcou decisivamente a vida cultural galega do século XX.