O acto central do Día das Letras Galegas celebrouse o 17 de maio no Museo de Pontevedra, institución na que Xosé Filgueira Valverde, o seu director durante máis de corenta anos, xogou un papel esencial. A Academia dedicoulle ademais o pasado 26 de novembro o Simposio Filgueira Valverde, no que profundaron nos diferentes perfís do erudito os académicos Arcadio López-Casanova, Xesús Ferro Ruibal, Francisco Fernández Rei e Henrique Monteagudo, xunto aos tamén investigadores Leticia Eirín, Ana Acuña, Teresa López e Ramón Nicolás. A xornada integrouse nesta ocasión no ciclo Filgueira Valverde na cultura galega do século XX, dentro do cal o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié tamén celebraron xornadas sobre Filgueira nas súas respectivas sedes.
Unha colectánea de artigos de Filgueira Valverde, editada polo académico Xesús Ferro Ruibal, foi outras das iniciativas arredor do Día das Letras. O volume, distribuído con La Voz de Galicia, xunta 24 traballos publicados orixinalmente no xornal coruñés. O portal web da Academia tamén reproduciu outros artigos, tirados sobre todo dos Adrais de Filgueira, como A campá ferida, Na festa dos maios ou O certame Galiciano.
Ademais do espazo que se lle dedicou na sección Letras Galegas-Figuras Homenaxeadas, cun resumo da súa biografía e unha escolma biográfica, o portal web da Academia publicou un retrato de Filgueira asinado polo presidente da institución, Xesús Alonso Montero; e as respostas ao Cuestionario Filgueira Valverde de Ramón Nicolás, Camiño Noia, Carlos Valle, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Neira Vilas e Helena González.