Parte central do tríptico para o Gran Hotel Balneario de Mondariz. Óleo sobre lenzo, 281 x 510 cm
Fonte: Real Academia Galega. Depósito no Museo de Pontevedra
Escena da esquerda: Cego e guía. Óleo sobre lenzo, 270 x 348 cm
Fonte: Real Academia Galega. Depósito no Museo de Pontevedra
Escena da dereita: Cegos. Óleo sobre lenzo, 273 x 348 cm
Fonte: Real Academia Galega. Depósito no Museo de Pontevedra
Tríptico do Gran Hotel Balneario de Mondariz exposto na sala do segundo andar do edificio Castelao no Museo de Pontevedra
Fonte: Museo de Pontevedra
A primeira representación de cegos na obra de Castelao é Camiño da festa de 1908, unha augada de 41 x 29 cm que meses despois ocupou a cuberta do número 1 da revista Vida Gallega. Na obra desenvolve un esquema iconográfico sobre o que volverá unha e outra vez ao longo de máis de tres décadas: un cego acompañado dun cativo que lle serve de guía camiño da romaría, coa cabeza cuberta por un chapeu de ala ancha e portando un instrumento musical, normalmente un violín ou unha zanfona, aínda que desta volta o escollido é unha gaita.
Fonte: Vida Gallega (Vigo), n. 1, xaneiro 1909. Real Academia Galega. Hemeroteca
Castelao fixo moitos debuxos e pinturas protagonizados por cegos, a miúdo como instrumento da súa crítica social e política. Estes debuxos adoitan reflectir a situación de abandono e marxinación que sufría Galicia, así como a cegueira moral ou indiferenza das autoridades e da sociedade ante estes problemas. Ás veces simbolizan a resistencia e a dignidade do pobo galego, que, a pesar das dificultades, segue adiante; mais tamén podemos advertir neles a intención de mostrar a intelixencia do pobo. Os cegos eran os derradeiros xograres; cantaban e tocaban libremente apoiándose na retranca e nos dobres sentidos. Podían cantar o que os demais debían calar e tiñan o favor das clases populares. Porén, tamén eran quen de interesar á alta sociedade, como as persoas congregadas cada verán no Gran Hotel da Toxa para escoitar o que tiña que dicir o Cego de Padrenda, personaxe real retratado por Castelao en 1910 para decorar as estancias do desaparecido Hotel Calixto de Cambados.
Fonte: Museo de Pontevedra
O 10 de abril de 1912 Castelao inaugura no Salón Iturrioz, na madrileña rúa Fuencarral, unha exposición con preto de medio cento de obras, entre elas O Cego, peza que foi escollida para ilustrar a noticia no xornal La Noche o 7 de abril de 1912. Vinte e seis das obras desta primeira exposición madrileña de Castelao foron amosadas un mes máis tarde na I Exposición de Pintura Rexional Galega, unha mostra colectiva organizada nos salóns do Centro Galego onde uns setenta artistas galegos expuxeron por primeira vez de xeito conxunto en Madrid.
Fonte: La Noche (Madrid), n. 130, 7 abril 1912.
Parte central do tríptico Cuento de ciegos co que Castelao alcanzou a terceira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes en 1915. Foi o agasallo de voda de Castelao ao pintor Francisco Lloréns en 1918. Óleo sobre lenzo, 39 x 58 cm
Fonte: Museo de Pontevedra
En 1917 Castelao inicia as súas colaboracións gráficas n’A Nosa Terra, portavoz das Irmandades da Fala. Tamén ese ano publica a conferencia “Algo acerca da caricatura”. Castelao é xa máis caricaturista que pintor. Fai humorismo mediante unha plástica tremendamente expresiva, fundamentada nos retratos físicos, mais sobre todo psicolóxicos, dos seus personaxes, que, desde a súa individualidade, nos describen o contexto social da Galicia dese momento.
Fonte: Álbum Nós (1931), lámina 45. Real Academia Galega. Biblioteca
En 1914 Castelao sofre un desprendemento de retina, unha grave afección para a época que ameaza seriamente con deixalo cego. Foi operado no sanatorio de Baltar e Varela Radío en Santiago, grazas ao cal recuperou a visión, aínda que só parcialmente. Esta doenza reafirmaría aínda máis a súa predilección polos cegos, interese que resumiu el mesmo nestas liñas:
Ciertamente me apasiona lo interior, lo íntimo, el alma de las cosas. ¡Los ciegos! Son mis tipos predilectos. Cuando veo un ciego dejo toda ocupación, lo sigo, lo estudio, lo interrogo, averiguo su vida, hasta que asimilo su estructura mas recóndita...
(El Ideal Gallego, N. 10, 11 de abril de 1917, p. 1)
Castelao pintou e debuxou esencialmente homes cegos. Así a todo, nesta lámina do álbum Nós aparece representada unha muller invidente.
Fonte: Álbum Nós (1931), lámina 47. Real Academia Galega. Biblioteca
Tras a súa doenza e os seus novos intereses intelectuais e ideolóxicos, fixo revisión da produción anterior, reinterpretando as súas mellores creacións para as dotar de maior compromiso e seriedade.
Un exemplo disto é a imaxe que ilustra unha prosa do seu admirado Valle-Inclán publicada en La Ilustración Española y Americana, que logo de ser retocada pasou a incluír no álbum Nós.
A figura foi seccionada e adquire maior monumentalidade. O cego, de perfil hierático e chapeu de ala ancha, recórtase nunha paisaxe no abrente ou no solpor, resultando unha mestura de abstracción minimalista e de expresionismo marcado por unha emotividade escura. O humorismo perde terreo no trazo de Castelao, sendo substituído paseniño pola expresividade, entendida como arma de loita ideolóxica para espertar conciencias.
Fonte: Álbum Nós (1931), lámina 42 (esquerda). Real Academia Galega. Biblioteca; La Ilustración Española y Americana (Madrid), n. 12, 30 marzo 1915 (dereita)
En xaneiro de 1921 Castelao iniciou unha viaxe que o levou a Francia, Bélxica e Alemaña. No seu diario de viaxe deixou anotadas as impresión que lle causaron os museos, as exposicións e as rúas das cidades que visitou, así como as súas opinións sobre as diferentes escolas pictóricas que foi examinando. Se a opinión xeneralizada entre os estudosos de Castelao é que el non se identificou coas vangardas europeas, tamén é certo que lle interesaron profundamente e que quixo coñecelas e analizalas para chegar a entendelas.
Descoñecemos a data exacta da elaboración deste debuxo que Castelao agasallou a Vicente Risco, aínda que moi probablemente foi realizado meses despois do seu periplo europeo. O cego, motivo omnipresente na súa obra, reinterprétase unha vez máis, desta volta descompoñéndose en planos de clara inspiración cubista. Tinta sobre papel, 23,5 x 15,8 cm
Fonte: Fundación Vicente Risco
Castelao publicou no xornal vigués El Pueblo Gallego as súas “Cousas”, un xénero narrativo híbrido composto a partir de relatos breves, sen título e de prosa sintética, que adoitaban ir acompañados dunha ilustración que os complementaba. Posteriormente Cousas editouse en dous volumes publicados en 1926 e 1929. A pesar de que ningún dos volumes contén un relato de cegos, os dous comezan do mesmo xeito: cun debuxo no que se representa un home cego, axeonllado pedindo esmola, en actitude suplicante e cun prato entre as mans.
Chama a atención que o título e o nome do autor aparecen sobre un fondo formado por un manto de flores que acubilla a figura, o que talvez indica que o autor pensou empregar este deseño como cuberta do libro. Malia iso, Castelao deulle un lugar preeminente na obra.
Fonte: Cousas por Castelao (1926). Real Academia Galega. Biblioteca
Os "cantos de cego" eran composicións en verso, de autor anónimo, que narraban sucesos populares localizados nunha aldea, vila ou cidade. Estas composicións transmitidas por cegos errantes, de gran predicamento popular, tiñan case sempre un alto compoñente violento, mais tamén erótico.
Este debuxo acompañado do pé “Cos ollos non é co que máis se ve, miña vella” apareceu na prensa e logo foi incluído no cuarto volume de Cousas da Vida, publicado pola Editorial Galaxia anos despois do pasamento do artista.
Fonte: Cousas da Vida por Castelao IV (1971). Real Academia Galega. Biblioteca
En Como na parábola de Pieter Brueghel, un vello cego serve de guía a outro, os dous cos seus fardelos de onde sobresaen o arco e o mastro dos violíns. O nome da obra é un xogo de palabras que fai referencia ao cadro do pintor flamengo Pieter Brueghel o Vello, titulado Parábola dos Cegos (1568), que debe relacionarse coa parábola de Xesús de Nazaret dirixida aos fariseos: “Son cegos que guían outros cegos. Pero se un cego guía outro cego, os dous caerán nun pozo.”
Castelao coñeceu este cadro mediante unha copia de Brueghel o Novo que viu no Museo do Louvre durante a viaxe de 1921. Nas anotacións correspondentes ao 25 de febreiro do diario desa viaxe, daba conta da grande admiración que sentía por esta obra e pegou na folla unha pequena reprodución dela.
Vinte anos despois, en 1941, realizou unha serie de debuxos que titulou Os meus compañeiros, onde amosa unha vez máis a súa simpatía polos invidentes e a plena identificación con eles nun momento onde os seus problemas de vista se estaban agravando.
Fonte: Museo de Pontevedra
O tríptico fora encargado a Castelao por Enrique Peinador Lines en 1913. Daquela Castelao era xa recoñecido como caricaturista e debuxante humorístico, pero aínda soñaba en triunfar como pintor. Ese verán, tras o éxito que tiveran as súas exposicións do ano anterior en Madrid, o artista estivo invitado en Mondariz, onde o 22 de xullo leu a súa conferencia Algo acerca de la caricatura. Ese texto foi publicado ese mesmo ano en La Temporada de Mondariz, co título de «Momento de Arte». Coincidindo con esa estadía, Peinador encargoulle estes lenzos de gran formato que ían decorar o salón central do edificio La Baranda, deseñado por Antonio Palacios, e que Castelao entregou a mediados de xaneiro de 1915. A realización do traballo estivo condicionada polo desprendemento de retina que o autor sufriu na primavera de 1914, grave proceso que o deixou cego durante algún tempo e afectou parcialmente a visión do seu ollo dereito de xeito permanente. De feito, tal como el mesmo lle comenta a Antonio Rey Soto, o impacto persoal que lle causa a cegueira foi determinante na elección do tema que desenvolve no tríptico.
Malia todo, os cegos xa interesaban a Castelao desde os seus comezos e aparecían como protagonistas nalgunhas das súas obras costumistas iniciais. Pero é sobre todo nas obras que expuxo en Madrid en 1912, nas que, baixo a indubidable influencia estética e literaria de Valle-Inclán e nun ambiente similar ó das Comedias bárbaras ou de Flor de santidad, podemos identificar personaxes baseados nos do dramaturgo, como o vello Ciego de Gondar ou o Malpocado guía. Son cegos que a simple vista parecen caricaturas, pero que non fan rir, en realidade fan pensar e sentir emocións. Son alegorías morais coas que Castelao abandona definitivamente o rexionalismo pintoresco e humorístico dos seus primeiros traballos para, desde a sátira e baixo a influencia do modernismo estético da “España negra”, representar os que el chamaba «cegos de oficio». Un colectivo marxinal que vaga polos camiños, aldeas e romarías e que, como exemplo da miseria e da aceptación pícara da existencia, o artista converterá, desde a súa preocupación polo social, en figuras arquetípicas e simbólicas de Galicia e serán recorrentes ao longo de toda a súa produción.
En Cegos, lenzo central do tríptico, cunha composición similar á dos seus irmáns, as monumentais figuras protagonistas sitúanse sobre unha simplificada e inequívoca paisaxe rural galega que, aínda que inicialmente pensada como elemento secundario, se converte en protagonista da obra. Unha paisaxe na que o artista, sintetizando a imitación naturalista, non mostra como é en realidade, senón que a adapta para convertela en elemento definitorio da identidade do país. Para iso, nesta ampla panorámica de intenso colorido, con ceo cuberto e unha atmosfera que nos lembra primitivos como Patinir, Castelao integra algúns elementos recoñecibles e simbólicos, como a antiga ponte medieval sobre o río Liñares que se localiza entre as parroquias estradenses de Lagartóns e Moreira. Tamén os enormes piñeiros, que el se gababa de debuxar coa mesma calidade ca un xaponés, e que como signos icónicos e distintivos da paisaxe galega aparecerán repetidos constantemente na súa obra.
Este lenzo é o único do conxunto no que aparecen mulleres. Os protagonistas, en realidade expresivos debuxos coloreados definidos por unha forte liña de contorno, son dúas parellas de diferentes idades que Castelao, coa súa afeita reinterpretación de motivos gráficos e temáticos, reúne aquí repetindo os deseños de dúas das acuarelas que exhibira en Madrid en 1912.
Centrando a composición, representa case exactamente os dous anciáns actores da caricatura titulada El ciego, que expuxera no Salón Iturrioz, na que foi a súa primeira mostra individual en Madrid, e que o diario La Noche reproducira o 7 de abril de 1912. En primeiro termo, de tres cuartos e camiñando cara ao espectador, sitúase o vello de aspecto ladino, cos ollos abertos e inmóbiles e un rostro de «boca rasurada y aldeana semejante a una gran sandía abierta», unha imaxe que parece ilustrar á perfección a descrición do cego protagonista de Flor de santidad de Valle-Inclán. Vestido coma aquel, cunha longa capa e chapeu, e cunha alforxa ao pescozo da que sobresae a súa zanfona, estende os seus brazos e as súas engurradas mans nunha postura que semella convertelo en representación simbólica dun cruceiro. O cego, coma na Parábola de Pieter Brueghel, guía outro invidente, neste caso unha muller anciá que, situada ás súas costas, leva as baleiras concas dos ollos cubertas por unhas lentes opacas; unha expresiva figura que Castelao volverá repetir en A verdade está fóra, publicada en La Ilustración Española y Americana, o 30 de marzo de 1915, e tamén en A verdade, a lámina nº 45 do Álbum Nós.
En segundo termo sitúa camiñando sobre unha lomba outra parella, neste caso un cego acompañado por unha muller nova, vidente e preñada, que leva na súa man esquerda unha pandeireta. Neste caso, Castelao está repetindo á parella protagonista de Copleros, unha augada que exhibira na Exposición de Pintura Gallega celebrada no Centro Gallego de Madrid e que Luis Antón del Olmet describira en El Noroeste o 19 de maio de 1912. Unha imaxe que nos sorprende, pois, sen dúbida, descubrimos nela a inspiración para a descrición de Electus, o cego de Gondar, que Ramón María del Valle-Inclán fai en El embrujado. Esta obra teatral publicouna o 25 de novembro de 1912 na revista El Mundo e reeditouna un ano máis tarde baixo o título de El embrujado. Tragedia de tierras de Salnés. É na única ocasión na que Electus, personaxe recorrente en varias pezas anteriores e posteriores de Valle, aparece emparellado coa moza María Virula, que lle fai de guía, acompáñao co pandeiro, e da que ademais «esperamos bautizo». Así pois, este iconograma permite corroborar como Castelao, ademais de ser influído polas ideas estéticas do escritor, inspira á súa vez plasticamente algúns temas na obra literaria de Valle, unha influencia mutua que Eva Lloréns xa apuntaba en 1975. É moi posible que esta autora, filla do pintor Francisco Lloréns, coñecese o significado desta imaxe, xa que o seu pai posuía a parte central de Cuento de ciegos, versión en augada e pequeno formato dos grandes óleos de Mondariz, co que Castelao alcanzou a Terceira Medalla na Exposición Nacional de 1915. Esta interesante obra, que fora o agasallo de voda do rianxeiro a Lloréns, foi adquirida en 2001 e consérvase tamén no Museo de Pontevedra.
Mª Ángeles Tilve Jar
Directora do Museo de Pontevedra