Esta viñeta de Castelao apareceu na revista Vida Gallega en 1926. Nela intúese a preocupación existente na época pola influencia do cine na infancia, que se manifestaba na prensa mediante artigos onde se denunciaba que as películas abandonaban toda finalidade didáctica para se converter nunha exhibición do relaxamento dos costumes. O debuxo de Castelao, sen chegar a ser tan moralizante, recoñece o grande influxo desta nova linguaxe artística sobre a poboación infantil.
Fonte: Vida Gallega (Vigo), nº 294, 30/I/1926. Real Academia Galega. Hemeroteca
“Xa van aló moitos anos”, relato que aparece en Cousas (1926) e que serviu de inspiración para o filme La tragedia de Xirobio, é a historia dunha vinganza forxada ano tras ano no domingo de Entroido, momento en que dous choqueiros se presentan na casa do narrador para mortificalo por mor dun segredo do seu pasado amoroso.
Pode ler aquí o relato “Xa van aló moitos anos”
Fonte: Cousas (1926). Real Academia Galega. Biblioteca
La tragedia de Xirobio é a primeira longametraxe de ficción de produción galega. Dividida en cinco partes, a película está ambientada en Vigo no Entroido de 1930, cando o boticario Xirobio recibe a visita do seu amigo Moreno, compañeiro de esmorgas nocturnas.
O filme foi realizado en 1930 polo xornalista José Signo Garcés (Porto Rico, 1894 - Córdoba, 1952). A súa promoción correu a cargo de Vicus Films, unha produtora viguesa fundada en 1929 e dedicada á produción documental, entre a que destaca a creación do seu propio noticiario destinado non só ao mercado local, senón tamén á súa distribución por Europa e América. Na décimo quinta entrega deste noticiario aparece o propio Castelao amosando o segundo libro de Cousas.
La tragedia de Xirobio non chegou a estrearse comercialmente e durante décadas deuse por perdido, ata que en 2002 foi restaurado polo Centro Galego de Artes da Imaxe e a Filmoteca de Galicia.
Acceda aquí a La tragedia de Xirobio
Fonte: La tragedia de Xirobio. Filmoteca de Galicia
Miss Ledyia (1916) foi o primeiro filme de ficción feito en Galicia. Baixo a dirección de José Gil Gil e con guión de Rafael López de Haro, contou con exteriores gravados na illa da Toxa, no balneario do río Lérez en Monte Porreiro (Pontevedra) e tamén na Caeira e en Portosanto (Poio).
Nel nárrase a chegada a Pontevedra de Ledyia Katson e o seu tío millonario dende os Estados Unidos, coa intención de gozar dunha estadia no balneario da illa da Toxa. Alí coinciden cos reis de Suavia que se encontran na Toxa de incógnito. Ademais da trama romántica e da existencia dun posible triángulo amoroso, o filme céntrase no intento de atentado que o camarada Ruskin trata de acometer contra os reis de Suavia, en clara referencia ao atentado de Saraxevo que desencadeou a primeira guerra mundial.
Acceda aquí a Miss Ledyia
Fonte: Miss Ledyia. Filmoteca de Galicia
A película está protagonizada por Fefa Ximénez de Sandoval e outros dezaseis actores e actrices, entre os que figura Castelao, quen encarnou o pastor protestante que na secuencia final empuña unha arma para deter o anarquista Ruskin. Outras persoas que interpretaron personaxes do filme foron Fausto Otero, Mariña Fonseca, Clara Sobrino, Víctor Mercadillo, Isidoro Millán e Blanco Porto.
Na imaxe, á esquerda, podemos ver a Castelao interpretando o papel de pastor protestante.
Fonte: Miss Ledyia. Filmoteca de Galicia
O reporteiro gráfico Eligio González (Entrimo, 1899 - Buenos Aires, 1972) recolleu entre 1942 e 1972 a actividade da colectividade galega na Arxentina. Gran parte das súas filmacións perdéronse, mais entre a obra recuperada —sete documentais— destacan as gravacións do Primeiro Congreso da Emigración ou dos actos do 50 aniversario do Centro Galego de Buenos Aires. Eligio González deixounos tamén testemuño filmado dalgúns episodios da vida de Castelao dende a súa chegada á Arxentina ata o seu falecemento en 1950: algún dos seus discursos na cidade porteña, as visitas que recibiu nos últimos meses de vida, onde aparece xunto a Virxinia Pereira, ou o seu sepelio.
A recompilación destas imaxes foi un agasallo do reporteiro ao Centro Galego de Buenos Aires e serviu de base para a longamentraxe de Jorge Prelorán realizada en 1978. A peza foi restaurada en 1995 polo Centro Galego de Artes da Imaxe.
Na imaxe: Virxinia Pereira e Castelao no hospital en Buenos Aires.
Acceda aquí a Imaxes de Castelao en Buenos Aires
A obra de Eligio González está dispoñible no perfil da Filmoteca de Galicia en Platfo.
Fonte: Imaxes de Castelao en Buenos Aires. Filmoteca de Galicia
Jorge Ricardo Prelorán (Buenos Aires, 1933 - Culver City, Estados Unidos, 2009), actor e director, foi un dos principais referentes do cine etnográfico arxentino. De 1980 é a súa película documental Castelao (Biografía de un ilustre gallego), na que estivo acompañado na dirección por Manuel Ferrol, responsable da gravación en Galicia.
Jorge Prelorán e Antonio Pérez Prado, autor do guión, conduciron este documental a través das propias palabras de Castelao. Pérez Prado recompilou frases tomadas dos seus discursos, artigos, libros ou cartas particulares e acompañounas con imaxes de debuxos, fotografías e material documental diverso procedente das publicacións do rianxeiro. Engadíronse tamén escenas dos actos públicos nos que participou durante os seus derradeiros anos en Buenos Aires.
Castelao (Biografía de un ilustre gallego). Parte 1
Castelao (Biografía de un ilustre gallego). Parte 2
Castelao (Biografía de un ilustre gallego). Parte 3
Dividido en tres bloques, o documental repasa a biografía de Castelao en diferentes períodos da súa vida: dende o seu nacemento ata 1916; de 1916 a 1931; e dende a proclamación da segunda república española ata a súa morte.
Ademais da propia obra de Castelao, o filme presenta outros importantes documentos históricos, como a fotografía de Manuel Ferrol ou as gravacións de Eligio González. Na película, de 90 minutos de duración, o sindicalista e político Alfredo Baltar ponlle voz a Castelao, lendo extractos dos seus escritos, namentres que o actor arxentino Luis Medina Castro é a voz en off que ofrece o contexto histórico.
Fotogramas de Castelao (Biografía de un ilustre gallego) o seu casamento con Virxinia Pereira en 1912; e Castelao en compañía de Antón Vilar Ponte.
Fonte: Castelao (Biografía de un ilustre gallego)
No Arquivo da Real Academia Galega consérvase unha copia do mecanoscrito do guión de Castelao (Biografía de un ilustre gallego) que contén algunhas anotacións a lapis. Infelizmente, descoñecemos cando e como chegou ao noso Arquivo; nin tampouco sabemos quen fixo entrega del.
Pode acceder ao pdf do documento na parte final desta sección.
Castelao e os irmáns da liberdade é a primeira longametraxe documental da cinematografía galega, e foi producida, escrita e dirixida por Xan Leira.
Marcela Santorum, José Luís Abalo e Xan Leira investiron catro anos na súa preparación, durante os que percorreron diferentes espazos da diáspora galega co gallo de reconstruír a biografía de Castelao a través das persoas que o coñeceron. No documental podemos escoitar as voces de Teresa, a súa irmá, de Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Antón Fraguas, Xaime Illa Couto, Elixio Rodríguez, Borobó, Francisco Fernández del Riego, Santiago Carrillo, Eugenio Granell e Lois Tobío.
Pode acceder aquí a Castelao e os irmáns da liberdade.
En 2017 Antón Reixa presentou o documental Filmando Castelao, onde realiza unha crónica dos avatares da rodaxe de Castelao (Biografía de un ilustre gallego).
Neste documental, Jorge Prelorán e Antonio Pérez Prado —director e guionista de Castelao (Biografía de un ilustre gallego)— cóntannos en primeira persoa como organizaron o traballo sen case medios nin apoios. O resultado foi un filme artesanal que debeu superar multitude de atrancos, incluídos o exilio do propio director e o pase de contrabando da película, que finalizou o labor de produción nos Estados Unidos debido á represión exercida pola ditadura militar arxentina durante os anos 70. O filme apenas se divulgou e quedou no esquecemento ata que Filmanova tomou a iniciativa de dixitalizalo e restauralo, dando pé a estoutro documental.
Na imaxe: Antonio Pérez Prado e Jorge Prelorán reunidos para a elaboración do documental Filmando Castelao.
Filmando Castelao está dispoñible na web da CRTVG.
No 75 cabodano de Castelao asistimos á estrea nos cinemas de Antes de Nós, película biográfica dirixida por Ángeles Huerta e escrita por Pepe Coira.
O filme céntrase en dúas etapas da vida do protagonista, 1918 e 1929. Na primeira delas, ambientada durante o andazo de gripe de 1918, Castelao deixa o seu traballo no Corpo Auxiliar de Estatística en Pontevedra para volver exercer temporalmente como médico en Rianxo, a súa vila natal. A segunda, xa no ano 1929, mostra a súa viaxe a Bretaña en compañía de Virxinia para estudar as cruces de pedra, meses despois de perderen o seu único fillo.
Na imaxe: cartel promocional de Antes de Nós.
Pode ver aquí o avance de Antes de Nós.
Mais o fascismo tronzou o devalo do século e Galiza enteira lembra Castelao no 75 cabodano do seu pasamento no exilio; un tempo no que a súa imaxe fica nos rexistros que realiza Elixio González de eventos diversos na diáspora bonaerense –reunións, mitins, xantares, homenaxes...— e que se alargan pola súa doenza última e mesmo na despedida multitudinaria que o acompaña cara ao cemiterio da Chacarita. Esta sorte de álbum de familia será un material precioso, á par de debuxos e documentos, canda as tomas do seu rastro en diferentes lugares de Galiza que a pedido fai Manolo Ferrol, para Castelao, biografía de un ilustre gallego (1980), que Jorge Prelorán, a consecuencia da ditadura militar na Arxentina, conclúe no seu autoexilio californiano.
Os “traballos, riscos e acedumes” para chegar a facer esta película, tal e como relata o autor do guión, escritor e animador da colectividade galega en Buenos Aires, o médico Antonio Pérez Prado, deran comezo no 1973 no pisiño da rúa Echeverría do recoñecido documentalista arxentino. O obxectivo era seducir un Prelorán, xa virado cara ás biografías de alma comunal como a que realiza en Hermógenes Cayo (Imaginero), para que acollese a figura de Castelao. “Dille —recomenda Blanco-Amor— que é o noso Daumier”. E foi precisamente o Álbum Nós a peza coa que se lle presenta a Prelorán un proxecto que financia pouco a pouco “o grupo chamado produtor”, onde se contaban persoas agrupadas en “Nós” que, asemade, terían que encargarse de salvar as fitas nos anos da ditadura militar e de llas facer chegar ao director aos Ánxeles agachadas nunha maleta.
A modalidade formal da película optou por un Castelao que se narra a si propio a través de fragmentos da súa obra, de cartas, lendas e discursos, a comezar por Retrincos e na voz de Alfredo Baltar, á par dun relator dos aconteceres históricos que o contextualizan na Nación e que son “unha sorte de news-reel á maneira de John Dos Passos”, insiste Pérez Prado, e dun antagonista coetáneo e monárquico, o rei Afonso XIII, para corcoser unha triloxía —1896/1914; 1914/1931; 1931/1950— que a estudosa de Prelorán, Graciela Taquini, cualifica de “extenso cuadro en negro, blanco y grises, casi un Guernica, un compendio de los primero cincuenta años de nuestro siglo”.
Tiven a fortuna de convocar Prelorán en Pontevedra no 2000 para impartir unha palestra no curso da UIMP Baixo o signo do real: o documental biográfico. El e a súa muller Mabel Prelorán falaron do seu modo artesanal de traballo; abraiámonos con Hermógenes Cayo; no Teatro Principal proxectouse Castelao e fixémoslle entrega da figura da Sargadelos que reproduce a súa autocaricatura. Case en simultáneo, Xan Leira devén o compilador de toda esa xeración para a súa longa documental Castelao e os irmáns da Liberdade (2000) e máis adiante Antón Reixa realiza un retrato dos Prelorán-Pérez Prado en Filmando a Castelao (2007) ao tempo que adapta o filme orixinario ao galego para a TVG, que é o que arestora podemos ver, e ver nel a pulsión dos que aló, na colectividade da Arxentina, termaron do que acó se nos ocultou.
Tal Antígona, portador dun dobre exilio, o líder republicano e nacionalista non envellece. Neste 75 cabodano podemos asistir nos cinemas ao filme Antes de Nós (2025) de Ángeles Huerta, a redor dun par de episodios —a gripe española e a morte de Chuchiño, único fillo de Castelao e Virxinia Pereira—, co actor Xoán Fórneas a encarnar ese ollar e esa fala de alguén moi querido que, de súpeto, entra pola porta da casa. Longa e eterna vida!
Margarita Ledo Andión
Académica numeraria da RAG
Material anexo
Mecanoscrito do guión de Castelao, biografía de un ilustre gallego (1980), conservado no Arquivo da Real Academia Galega.














