Ano Castelao

O Día das Letras Galegas de 1964

En 1963, froito da idea dese grande estratega cultural que foi Francisco Fernández del Riego, botou a andar o Día das Letras Galegas. A elección da autora homenaxeada foi xusta e eficaz: non podía haber maior conmemoración para a nosa literatura que o centenario da obra fundacional do Rexurdimento, os Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

Actos de celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Castelao na Casa de Galicia de Nova York, o 22 de maio de 1964. Na mesa, de esquerda a dereita, Emilio Flórez, Ramón Lugrís , Ramón Rodríguez e Emilio González López.

Esa intelixente decisión permitiu evitar calquera sensación de arbitrariedade, tanto na conmemoración como na instauración dun día, o 17 de maio, que había de marcarse no calendario como o outro gran día de Galicia, comparable en importancia mesmo ao 25 de xullo. Nesa data, chantada no epicentro da primavera, Rosalía asinara, cen anos antes, os Cantares gallegos, coincidindo co aniversario do nacemento de Manuel Murguía, figura central do propio Rexurdimento e primeiro presidente da Real Academia Galega.

Sendo Rosalía unha figura indiscutible, a escolla do seguinte ano (1964) resultaba especialmente significativa. O papel canonizador do Día das Letras Galegas era evidente; nos seus inicios, percorrer as figuras clave servía para alicerzar a propia festividade e construír un panteón de intelectuais e escritores que, ao xeito dos cultos sagrados, cumprían a función que Itamar Even-Zohar, na súa teoría dos polisistemas, definiu como “ben e ferramenta”. Cabía agardar que se completase a tríade do Rexurdimento, como de feito aconteceu pouco despois: dedicouse o día a Pondal en 1965 e a Curros en 1967. Porén, máis alá desa lóxica, a elección de Castelao en 1964 obedecía a razóns sistémicas que aínda hoxe se deixan sentir. O binarismo simbólico entre Rosalía e Castelao maniféstase en sinais tan visibles como que o aeroporto de Lavacolla leve o nome de Rosalía de Castro, mentres que a estación intermodal de Santiago responde ao nome de Daniel Castelao.

Na altura de 1964, aínda baixo o franquismo, dedicar o Día das Letras Galegas a Castelao tiña un fondo significado: era un xeito de facer resistencia política desde o plano cultural, de recoñecer a quen fora non só un grande artista e escritor, senón tamén político, deputado, artífice da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia e símbolo do galeguismo no exilio. Tamén aquí se percibe a dualidade: Rosalía, malia a forza da súa reivindicación, era unha figura de consenso, propicia para asentar a festividade mesmo baixo a ditadura, mentres que Castelao tiña un claro signo político que outorgaba á celebración unha maior significación ideolóxica.

A elección deixou pegada na prensa da época, tanto na nosa terra como no exterior. Na revista Airiños, publicada en Buenos Aires, Francisco Fernández del Riego definía a Castelao como “mito humán” ao dar noticia da consagración deste día á súa figura. Pola súa banda, García-Sabell, nun artigo publicado na Memoria da Casa Galicia de Unidad Gallega (Nova York), dirixíase retoricamente ao propio Castelao: “os fillos da Galicia viva son deudores teus”. O Faro de Vigo recuperou algunhas das súas “cousas” e falou da “veracidade emocionante” dos seus debuxos. A retórica, en suma, apuntaba á consagración de Castelao como grande símbolo do galeguismo, referente dunha Galicia crebada pola violencia da ditadura. No 50 cabodano da celebración, en 2014, a Real Academia Galega publicou un dossier de prensa que deixa constancia da repercusión da homenaxe e do volume de actos que se levaron a cabo. Dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 1964 a Castelao foi un acto consciente para alicerzar a súa posición de privilexio no panteón das letras galegas, cando aínda o seu corpo permanecía no exilio. A Real Academia Galega apuntalaba, así, o lugar singular e principalísimo que lle corresponde nas letras, na cultura e na historia de Galicia.

1/10

No ano anterior á homenaxe producírase o ingreso na institución de Ánxel Fole, precisamente cun discurso sobre Castelao: Castelao i a tradición galeguista. Uns anos máis tarde, en 1973, outro académico, Marino Dónega, volvería escoller a figura de Castelao para o seu discurso de ingreso: A resignación e maila rebeldía na novela de Castelao “Os dous de Sempre”. En 1964, cando foi homenaxeado, cumpríanse tamén 30 anos do seu propio ingreso na Real Academia Galega, co discurso As cruces de pedra na Galiza, pronunciado un 25 de xullo, día de Galicia, e respondido por Antón Vilar Ponte. Aquel era un tempo de ilusións, dunha xeración de escritores e intelectuais que viaxaran por Europa e soñaran unha Galicia que vería frustradas as súas esperanzas dous anos máis tarde. Dedicar o Día das Letras Galegas a Castelao trinta anos despois daquel ingreso, transcorridos catorce da súa morte, poñéndoo á par de Rosalía, foi un xeito de recoñecer a quen fixera tanto por termar dese soño, a quen xa era e ficaría sempre como símbolo máximo de Galicia.

María López-Sández
Académica numeraria da RAG