Ano Castelao

Mitin polo Estatuto de Autonomía de Galicia

Teatro Rosalía de Castro. A Coruña, domingo 7 de xuño de 1936

Castelao cabeza de cartel nun mitin presencial xemeado e mais en liña radiofónica

1/11

O mitin comezou no Teatro Linares Rivas cando, o speaker Sr. Mariñas anunciou a conexión a todas as radioemisoras de Galicia. Abriu o Alcalde de Santiago, Sr. Casal, moi aplaudido segundo a crónica de La Voz de Galicia do martes día 9, que referiu todas as intervencións, detallando a intensidade de aplausos recibidos polos oradores que seguiron a Casal e que foron: José Dopico Vázquez en representación do Partido Federal de Izquierda Gallego, Marcial Fernández Delegado del Partido Socialista, Manuel Fernández do Partido Sindicalista, Cesar Alvajar por Unión Republicana, último en falar nese teatro, no que permaneceron todos, oradores e asistentes, escoitando por altofalantes a segunda parte do mitin no Rosalía de Castro. Acompañados dos Coros Cantigas da Terra e Follas Novas e a Agrupación Republicana Feminina, falou primeiro, en gallego, Gumersindo Montero polos comunistas, seguido de Luis Huici por Izquierda Republicana.

Por el Partido Galleguista... Alfonso R. Castelao. Acollido cunha grande ovación o ilustre artista y escritor, xa foi moi aplaudido antes de falar. Insistiu primeiro na amplitude do movemento polo Estatuto no que convivían, por amor á terra, mesmo partidos quen non compartían principios, defendeu despois a confluencia do PG no Frente Popular cos partidos auténticamente republicanos para facer de Galicia un pobo libre e grande... dentro da República española. Aludiu a unha futura Confederación Ibérica que anulase as fronteiras e un Estatuto Galego que garantise a mesma liberdade que os de Cataluña e País Vasco. Zorregou contra os “homes cativos” que lles chamaban separatistas e os acusaban de querer illar a Galicia: separatistas son os que perderon Portugal e as colonias, os que terían perdido a Cataluña, Vasconia e a Galicia e que... perdido xa todo, poderían xuntarse nun cabaré de Madrid. Fixo uso das súas dotes de comunicador preguntándolle por tres veces ao público se a Galicia lle conviña a Autonomía. A sala chea respondeu por tres veces un SI “unánime e clamoroso”. O mesmo que ao preguntar se a Autonomía lle conviña á República. Prolongada ovación cierra el elocuente discurso. O acto rematou con Vivas e o Himno Galego.

Foto de Cancelo, da mesa presidencial no Teatro Rosalía de Castro, no grande acto de comezo de campaña proplebiscito do Estatuto na Coruña que tivo lugar en dous teatros á vez. Fonte: Real Academia Galega. Arquivo

Sentado, 2.º pola dereita, Alfonso R. Castelao. 3.º Gumersindo Montero. Na segunda fila, sentado, 2.º pola esquerda, Víctor Casas. De pé, 5.º pola esquerda, con traxe claro, Arturo Cuadrado. Preguntados algúns colegas expertos (M. A. Seixas, X. M. Núñez e Emilio Grandío) cremos distinguir a Somoza Gutierrez sentado á esquerda de todo, a Banet Fontenla diante de Víctor Casas; detrás de Montero, media cara de alguén que pode ser Pita Romero; tamén na 2.ª ringleira, de traxe branco e mirando de esguello parece García Labella. Na mesa tamén estaba o doutor José García Ramos, deputado de Unión Republicana, e Manuel Guzmán García, deputado de Izquierda Republicana, encarcerado por moitos anos o primeiro e fusilado en agosto no Campo da Rata o segundo.

Lourenzo Fernández Prieto
Académico numerario da RAG