Ano Castelao

A bandeira de Castelao

1/6

A bandeira que custodiamos na Real Academia Galega presidiu os actos fúnebres de Afonso Daniel Rodríguez Castelao en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950.

Artigos nos xornais máis importantes da Arxentina; adhesións dende diferentes partes do mundo; emoción e dor nos discursos; milleiros de mans que teimaban en tocar o féretro; nove carrozas que portaban 87 coroas florais; unha manifestación que paralizou a avenida Belgrano; un funeral de Estado. Así o relatou Rodolfo Prada: “¡Foi algo apoteósico! Chamóu a atención e conmovéu a esta grande urbe bonaerense. Acadóu os contornos dun escecional acontecimento.”

Desfilaron máquinas ambulantes nas cabezas das costureiras; xemeu a música enloitada dos palillos de Camariñas; tangueu o silencio das redeiras nos peiraos... Unha multitude de fíos entretecidos para simbolizar a unidade dun pobo que quería acubillar a figura do seu guieiro. “O corpo do noso Castelao ficou en boa e sagra compaña. Cumpríndose seus anceos foi amortallado ca bandeira da patria, a bandeira galega... E por riba dela, ¡cóma doce benzón!, caiu manseniñamente terra da Terra, terra da Galiza adourada...”, relatou Opinión Gallega.

Composta cunha sinfonía de dignidade, este pano foxe de ornatos improdutivos e personifica ideais. É memoria activa, identidade e salvagarda, apóstrofe ao compromiso, aliteración de soños, personificación de país... Abofé, construción colectiva na que con humildade, xenerosidade, cooperación, creatividade e orgullo confluirán ideas e abrollarán novos espazos de esperanza.

Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro
Académico correspondente da RAG