O pasado 12 de setembro finaba en Vigo a escritora e académica Xohana Torres. A tamén membro de número RAG e poeta Luz Pozo Garza escribiu estes sentidos versos na súa memoria.
Adeus a Xohana
polo mar da morte
1
Querías navegar. Nin outra cousa...
O mar no corazón. e o mar ao lonxe
e as aves a bater no tempo ileso
namentras a estribor daquesta vida
te declarabas émula
da primeira almiranta
dunha historia:
"Eu tamén navegar...",
gritas aos catro ventos
rachar coa submisión
códigos obsoletos
sofismas e secuencias
solagadas...
conxurar testamentos
exorcizar mapoulas
antigos paradoxos
sen mesura
aquela maxia...
2
Sí. aquela maxia pode ser
de todos...
Eu tamén navegar
aos catro ventos...
entregada ás mareas
coreabas
polas rúas e as prazas
da cidade...
e os ollos
de par en par ávidos. libres
polas costas do mar océano aberto...
3
- Ai… Ai… mas. as Fisterras nosas
as soñadas Fisterras
as nosas consagradas
as tan amadas terras...
vémolas na distancia dun corazón
lonxano moi ferido!
- Daquela retornamos como tornara Ulises
a reinar e a morrer no lugar consagrado...
ao primeiro esplendor da nosa historia
de puro amor
de pura idolatría...