A X Xornada de Onomástica Galega afondará nos nomes do mar

A X Xornada de Onomástica Galega estará dedicada os nomes do mar. Nesta ligazón pode formalizarse xa a inscrición para asistir encontro, que se desenvolverá o sábado 4 de outubro no Museo de Pontevedra. O programa, aberto a todo o público, afondará na riqueza da microtoponimia das terras ribeiregas e mais nos nomes das áreas mergulladas, as realidades invisibles dos fondos mariños. 

O Seminario de Onomástica organiza un ano máis as xornadas sobre os nomes propios coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, nesta ocasión ollando cara aos preto de 1.500 quilómetros de litoral cos que conta Galicia, que chegan a 2.500 se se teñen en conta os que rodean as súas illas e os das marismas e areais. Durante séculos, este espazo xerou milleiros de nomes. “Os pescadores coñecíanos ben, pois advertíannos dos perigos que podían representar as pedras baixo as augas ou dos lugares onde había abundancia de determinado peixe”, sinalan as coordinadoras da proposta, a académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez.

Na actualidade este tesouro cultural corre o risco de se perder por mor dos cambios profundos que trouxeron a tecnoloxía da navegación e a industrialización da pesca. A X Xornada de Onomástica Galega exporá diversas experiencias centradas na súa preservación e divulgación, e que poden ademais servir de inspiración para a posta en marcha doutras iniciativas co mesmo propósito.
María Ángeles Piñeiro Antelo, especialista en análise xeográfica da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá unha intervención sobre a cartografía histórica como instrumento para o estudo da variación dos nomes do litoral ó longo do tempo. Lucía López e Aarón Ferrari, da mesma institución, analizarán as características dos nomes dos barcos e das bateas nas Rías Baixas; e a profesora de ensino medio da Illa de Arousa Helena Domínguez García, gañadora do Premio de Investigación e Cultura Marítima Luis Rei, exporá a súa experiencia na recollida da talasonimia. 

A xornada contará tamén con Xosé Lois Vilar, arqueólogo e especialista en nomes do mar e membro do Instituto de Estudos Miñoráns, que proporá estratexias para a divulgación dos nomes do mar; e mais co mariñeiro Tito o Chirlo, que exporá un testemuño de primeira man sobre o seu caderno de marcas. Por último, o filólogo e investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC Xosé Manuel Dopazo Entenza compartirá a súa experiencia nas aulas de secundaria traballando cos nomes dos barcos. O músico e escritor Xurxo Souto pechará a cita coa actuación titulada A ruta de Ulises Fingal.