A Real Academia Galega presenta o Dicionario castelán-galego en liña

O curso escolar arrinca cunha nova ferramenta en liña para a consulta, o estudo e a aprendizaxe do galego. A Real Academia Galega estrea hoxe o Dicionario castelán-galego (DRAGBIL) en liña, unha obra  moderna cunha forte vocación pedagóxica. O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a directora deste novo DRAGBIL, a académica María Dolores Sánchez Palomino; e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González González, presentaron esta mañá en rolda de prensa o repertorio dixital, que pode consultarse xa na web da RAG, academia.gal, e que tamén está dispoñible a través da aplicación do dicionario monolingüe.

 

O presidente da Academia, Henrique Monteagudo; a directora do 'Dicionario bilingüe', María Dolores Sánchez Palomino; e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, posan cos académicos Xosé María Gómez Clemente e Antón Santamarina, membros de dito seminario; e as filólogas Ana Fachal Fraguela e Celia Fernández Vasco, técnica da RAG que participaron  na elaboración da ferramenta

O novo DRAGBIL consta dunhas 26 000 entradas, 55 200 acepcións, máis de 87 000 sinónimos de tradución e unhas 6 000 frases feitas. As cifras dan conta dun exhaustivo traballo que arrincou en 2014, e que significou máis ca unha mera revisión da edición en papel do Dicionario bilingüe castelán-galego que a RAG publicara en 2004. Son 1 000 novos lemas, preto de 7 000 acepcións incorporadas, uns 15 000 sinónimos de tradución máis e 800 fraseoloxismos non incluídos na obra lexicográfica que serviu como punto de partida. Fíxose ademais un importante esforzo de actualización de moitos artigos e na xeración dos exemplos. En total, modificáronse nalgunha medida practicamente o 95 % das entradas.

“O Dicionario bilingüe castelán-galego en liña é un exemplo máis da vocación de servizo público da RAG, que se esforza en dar resposta ás demandas tanto de estudantes e de profesionais coma da sociedade en xeral”, salienta o presidente da institución. “Un dos pedimentos que recibimos con máis intensidade por parte do público atinxe todo o relacionado coas ferramentas de consulta da nosa lingua. A grande acollida do dicionario monolingüe —en liña dende 2012— é boa proba disto, pero tamén se nos viña expresando a necesidade de contarmos cunha ferramenta bilingüe en liña. O dicionario que hoxe presentamos é, neste sentido, unha ferramenta estratéxica, porque moita xente chega ao galego a través do castelán, tanto persoas galegas castelanfalantes coma doutras orixes”, expresa Henrique Monteagudo. 

A Academia agarda en calquera caso —engade o presidente— ofrecer no futuro tamén unha ferramenta galego-castelán, pero entrementres a rede de buscas avanzadas do DRAGBIL fai que sexa en gran medida un dicionario reversible ao permitir obter información igualmente na dirección galego-castelán. 

“O Dicionario castelán-galego en liña responde aos criterios da lexicografía bilingüe moderna e combina as tendencias actuais cos trazos que veñen sendo tradicionais e resultan moi positivos na lexicografía académica galega”, destaca pola súa banda Dolores Sánchez Palomino, quen recalca o carácter vivo desta obra. “A partir de agora, da mesma maneira que se fixo e se fai co dicionario monolingüe, o DRAGBIL será obxecto dunha actualización continua para completalo e melloralo progresivamente. Debemos dedicarlle unha atención permanente, tanto no que atinxe ao diálogo cunha sociedade en mudanza constante coma no referido aos dicionarios académicos monolingües do galego e do castelán”, comparte a súa directora. 

 

María Dolores Sánchez Palomino presentando o 'Dicionario bilingüe castelán-galego' da RAG

Na mesma liña, Manuel González valora “o novo chanzo na aplicación máis sistemática dos criterios metodolóxicos” adoptados na edición de 2004 que constitúe esta versión en liña e a necesaria incorporación de novas entradas. A ferramenta que hoxe se presenta “vai facilitar a continua actualización dunha maneira máis dinámica, en coordinación coa actualización do Dicionario da lingua galega da Academia e de acordo coas necesidades dos usuarios”, engade quen foi o codirector da edición impresa canda Constantino García (1927-2008). O director do dicionario monolingüe quixo lembrar o principal impulsor deste proxecto e felicitou tamén a Dolores Sánchez Palomino polo “meticuloso traballo de actualización” do bilingüe xa á disposición de todos os usuarios. 

O DRAGBIL en liña realizouse coa colaboración económica da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Na súa presentación agradécese tamén o apoio da Fundación Barrié que permitiu impulsar os traballos da área lexicográfica da Real Academia Galega e mais ofrecer a aplicación do Dicionario da Real Academia Galega.

Moito máis ca unha lista de sinónimos de tradución
O DRAGBIL distínguese, entre outros trazos, polo tratamento outorgado aos equivalentes do lema. Achega o maior número posible deles, pero a diferenza do que acontece en moitos dicionarios bilingües, non se limita a ofrecer os sinónimos de tradución dunha lingua a outra, advirte María Dolores Sánchez Palomino. “Esta é unha obra cunha importante dimensión didáctica, que é unha constante nos dicionarios da RAG, e que se reforza en publicacións que teñen unha especial importancia para o mundo do ensino. En relación con esta dimensión, prestámoslle moita atención ao aspecto contrastivo ou distintivo, porque a relación entre as linguas castelá e galega presenta unha problemática específica, froito en moitas ocasións da situación de contacto en que conviven e da súa proximidade estrutural. E esta relación xera non poucos elementos que entran nesa esfera contrastiva e diferencial”, xustifica.

Esta realidade é atendida en múltiples apartados, dende as observacións ao coidado que merecen os contextos de uso, pasando polo notable incremento das frases feitas e a identificación dos falsos amigos, as palabras que poden compartir ambas as linguas pero contidos diverxentes, parcial ou totalmente. “É o caso de voces coma rubio ou estudio, que en galego só significa ‘lugar de traballo’, mentres que ao feito de estudar lle chamamos estudo”, exemplifica a directora da obra. De igual xeito, advírtense as diverxencias en cuestións de xénero e número entre o lema castelán e o equivalente en galego, que se dan en numerosos casos coma o da palabra sal, masculina no noso idioma e feminina en castelán. O mesmo sucede coas construcións verbais, que en ocasións presentan diferenzas entre ambas as dúas linguas.

As indicacións fonéticas empréganse coa mesma finalidade. Deste xeito, introdúcense, entre outros casos, para sinalar as vogais cando o diferente grao de apertura pode xerar distintos significados ou cando o x soa [ks], como sucede en taxi, fronte ao tan galego fonema fricativo palatal xordo [ꭍ].