A Real Academia Galega elaborará o mapa sociolingüístico escolar de Rois

A Real Academia Galega, o Concello de Rois e a Secretaría Xeral da Lingua asinaron o acordo de colaboración que permitirá realizar o mapa sociolingüístico escolar do municipio. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, rubricaron o documento que formaliza a cooperación entre as tres institucións para que o concello conte cun diagnóstico detallado sobre a situación do galego entre o alumnado de infantil, primaria e secundaria.

Pola esquerda, Valentín García, Ramón Tojo, Henrique Monteagudo e María López-Sández

No acto participou tamén a académica María López-Sández, coordinadora do Seminario de Sociolingüística da RAG, encargado de elaborar o mapa. Rois é o quinto concello de Galicia que traballará co Seminario para desenvolver unha investigación que ten como obxectivo “servir de base para unha mellor planificación das accións de normalización do galego", lembra o presidente da Academia. “Este é o primeiro acordo desta natureza que asinamos cun concello pequeno en poboación. Somos conscientes do esforzo que significa para Rois e agradecemos a súa implicación, tamén a colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, que nos permitirá estudar polo miúdo por primeira vez o estado da nosa lingua entre a poboación máis nova dun municipio de carácter marcadamente rural que non chega aos 5000 habitantes. O seu interese no eido da investigación sociolingüística, polo tanto, vai máis aló de Rois”, expresa Henrique Monteagudo.

O alcalde, Ramón Tojo, agradece a colaboración da RAG e da Secretaría Xeral da Lingua para elaborar este mapa sociolingüístico, que vai axudar o concello a realizar “unha dinamización da lingua galega que sexa efectiva”. “Queremos saber cal é o punto de partida de Rois no que atinxe ao uso do galego e ás actitudes de cara ao noso idioma dos 409 alumnos e alumnas menores de 16 anos que temos nos centros educativos do municipio”, apunta o rexedor, que tamén resalta o feito de que Rois sexa o primeiro concello con menos de cinco mil habitantes que asina este acordo.

Valentín García destaca na mesma liña a importancia “de contar coa cativada na posta en valor da nosa lingua e da nosa cultura” e fai fincapé en que se debe poñer o foco na infancia e nas familias con proxectos dirixidos especificamente aos nenos e nenas e á mocidade, entre os que cita 21 días co galego, o programa Falamos + ou a plataforma Xabarín.gal.

A Real Academia Galega publicou en 2021 o primeiro mapa sociolingüístico escolar de Galicia, froito da colaboración co Concello de Ames. O documento serviu de base para a posta en marcha por parte de ambas as institucións de Modo galego, actívao!, un completo proxecto de investigación-acción concibido como banco de probas de accións innovadoras de dinamización da lingua na infancia e na mocidade que sexan replicables noutros municipios. O Seminario de Sociolingüística está a desenvolver desde 2025 o mapa de Santiago de Compostela e no que vai de ano, a RAG asinou ademais senllos acordos cos concellos de Pontevedra e Carballo, aos que se suma agora o de Rois.

Os mapas sociolingüísticos escolares afondan na identificación dos factores, axentes e contextos de socialización que aceleran ou frean o proceso de substitución do galego polo castelán. Metodoloxicamente nútrense das enquisas que responden os distintos axentes da comunidade educativa: alumnado, profesorado e familias.

Inmaculada Seage, técnica de Normalización de Rois; o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; a coordinadora do Seminario de Sociolingüística, María López-Sández; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e Xaquín Loredo, técnico do Seminario