A RAG contactara previamente, o pasado mes de xaneiro, con Patrimonio Nacional solicitándolle a posta a disposición pública na Rede dos chamados Códice Rico e Códice dos Músicos. Nunha breve resposta, o organismo limitárase a indicar que a dixitalización das obras de Afonso X se contemplaba na súa programación cultural e que estaba a expensas do desenvolvemento da planificación institucional, sen suxerir data ningunha para a súa difusión.
A demanda da Real Academia Galega realizouse cadrando co 800 aniversario do nacemento de Afonso o Sabio, a cuxo padroado se debe un dos monumentos máis senlleiros da cultura europea da Idade Media, as Cantigas de Santa María. A colección das Cantigas de Santa María –máis de catro centos cantares en lingua galega– chegou a nós en catro códices elaborados nos tempos do propio rei (s. XIII). Un dos volumes, o Códice de Toledo, atópase na Biblioteca Nacional de España e pode consultarse no sitio web da institución; outro permanece na Biblioteca Nacional Central de Florencia (Italia), en cuxa páxina web tamén se pode consultar; e os outros dous atópanse na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial.
O códice da Biblioteca Nacional foi ademais levado ao prelo por parte do Consello da Cultura Galega (en dúas edicións de 2003 e 2008), mentres que o Códice dos Músicos foi editado na década dos 60 do século pasado en condicións moi precarias e o Códice Rico, célebre polas súas espléndidas ilustracións, foi unicamente obxecto de edición de luxo por parte de editoras privadas, só ao alcance das persoas e das institucións que poden adquirilos a prezos moi elevados. A presidenta de Patrimonio Nacional confirmou esta mesma mañá ao presidente da RAG que a partir de agora os devanditos códices quedarán en disposición de acceso público a través da Rede.
Afonso X non só foi poeta en galego, tamén acolleu na súa corte unha pléiade de trobadores e xograres que compuxeron cantigas na lingua da lírica medieval peninsular, dos cales os cancioneiros trobadorescos galego-portugueses ofrecen un testemuño espléndido. Moitos destes fondos e outros de similar significación conservados en bibliotecas de todo o mundo poden consultarse na Rede. É o caso do mencionados Códice de Toledo da Biblioteca Nacional, o Cancioneiro galego-portugués que custodia a Biblioteca Nacional de Portugal ou o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, outro dos máis importantes da lírica galego-portuguesa.