Foto de familia dos intervenientes no documental que asistiron ao acto.
Fonte: RAG
M.ª Xosé Porteiro, An Alfaya, Beatriz Caamaño e Henrique Monteagudo.
Fonte: RAG
O coro do IES Alexandre Bóveda abriu e pechou o acto.
Fonte: RAG
Damián Varela, Alba López, Ana Romaní e Víctor F. Freixanes. Detrás, Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán.
Fonte: RAG
Henrique Monteagudo cos directores do documental e o equipo da ESAD.
Fonte: RAG
Foto de familia con alumnado do IES Alexandre Bóveda que interveu no filme e as presentadoras do acto.
Fonte: RAG
A profesora Estefanía González coas presentadoras.
Fonte: RAG
Maika Aguado con Helena e Laura, as nenas que recrean no filme os xogos da infancia que compartiu con Begoña Caamaño.
Fonte: RAG
Beatriz Caamaño, Maika Aguado e Henrique Monteagudo con Laura e Helena.
Fonte: RAG
Beatriz Caamaño coa directora Alba López.
Fonte: RAG
Judit Alonso, Maika Aguado, M.ª Xosé Porteiro, Ana Romaní, Uxía Senlle e Víctor F. Freixanes.
Fonte: RAG
Presentación do mural de Cestolas na Cachola na biblioteca do IES Alexandre Bóveda.
Fonte: RAG
A irmá da autora, Beatriz Caamaño, a académica Ana Romaní, a cantante Uxía e a actriz Maika Aguado son parte das persoas que interveñen no filme que acudiron ao acto, que arrincou coa música do coro do instituto. Deseguido, a súa directora, Judit Alonso, tamén participante no filme, lembrou o espertar do activismo de Begoña Caamaño en Coia. “Hoxe homenaxeamos non só unha brillante escritora e unha xornalista rigorosa, senón tamén unha muller audaz, comprometida e crítica, que coas súas palabras procuraba transformar a sociedade na que vivimos”, destacou nas súas palabras de benvida.
Beatriz Caamaño referiuse tamén ao compromiso cívico da súa irmá, e quixo salientar así mesmo o traballo realizado polos directores do documental producido pola RAG e gabou como souberon transmitir “dunha maneira tan fiel, tan agarimosa, respectuosa e potente” a figura da autora. Díxoo no coloquio que compartiu con Maika Aguado, amiga da infancia, e a escritora An Alfaya, autora da peza teatral sobre Caamaño para Primavera das Letras e compañeira de Begoña Caamaño no instituto e Maxisterio. “Bego tiña unha especie de clarividencia. Xa desde cativa era unha rapazada adiantada ao seu tempo” destacou Aguado. “Xa na adolescencia tiña unha inquedanza social que casaba co xornalismo”, engadiu Alfaya.
Henrique Monteagudo definiu a obra literaria de Begoña Caamaño como “un prodixio de imaxinación construtiva” e defendeu a súa elección no ronsel doutras homenaxeadas pola RAG como Xela Arias (2021) ou Luísa Villalta (2024), autoras contemporáneas “que interpelan a xente nova”. “Todos sabemos a situación de emerxencia que vive a lingua, e que o futuro pasa por interpelar a mocidade, que moitas veces non tivo a oportunidade de recibir o galego nas súas familias. Porque ás veces falamos da desgaleguización da mocidade, pero é que a mocidade non abandonou o galego, non o recibiu”, recordou para poñer deseguido a escritora e xornalista como exemplo para as novas xeracións tamén no que atinxe ao idioma. “As persoas neofalantes, que recuperan a lingua que non recibiron, son unha das chaves do futuro do noso idioma”, concluíu.
Víctor F. Freixanes lembrou pola súa banda os dous cursos “moi emocionantes” nos que impartiu docencia no IES Alexandre Bóveda, entre 1979 e 1981, cando Begoña Caamaño estudaba neste centro, aínda que non chegou a ser profesor dela. O académico e a autora si que foron compañeiros en Radio Popular de Vigo. “Era unha persoa chea de alegría e enerxía, contaxiaba o seu entusiasmo á redacción”, indicou. “Logo tiven tamén a honra de ser o seu editor, e falabamos moito da importancia dos mitos para explicar o mundo. Cada xeración ten a obriga de reflexionar sobre ese mitos, e da man do voso profesorado tendes a oportunidade de viaxar polo mundo homérico e artúrico a través das novelas de Begoña Caamaño, de reflexionar sobre esa nova mirada que permite entender e reinterpretar a realidade dende a contemporaneidade, que é o que fai que os mitos adquiran o seu carácter universa”, díxolles aos alumnos e alumnas.
Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul afonda nas distintas facianas da escritora e xornalista. Desde a súa xénese na infancia, recreada a partir dun texto de Maika Aguado que se apoia na interpretación das nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, alumnas da escola de teatro Imaxinatea Lab Creativo; ata a súa irrupción na escena literaria con dúas anovadoras novelas que levan á escena Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD Galicia), e a bailarina Elsa Pereira.
Damián Varela salientou na súa intervención estas colaboracións que, xunto coa do Centro Dramático Galego permitiron introducir a ficción no proxecto, realizado por Miramemira co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Tanto Varela coma Alba López coincidiron cos demais intervenientes na inspiración que significa a vida e a obra de Begoña Caamaño no momento actual. “A experiencia de Begoña Caamaño lévanos á reflexión de como podemos mirar as cousas, nuns momentos convulsos a nivel internacional, dunha maneira positiva, desde o activismo e desde a ética do feminismo”, compartiu o director. “En cada documental que fixemos para a RAG sobre a figura homenaxeada nas Letras Galegas desde 2021 o noso propósito foi traela ao presente e ver que pode achegarnos. E realmente Begoña Caamaño pode aportarnos todo”, resaltou Alba López, que subliñou a dimensión política da literatura, o activismo e o compromiso co xornalismo honesto da protagonista do vindeiro 17 de maio.
O acto arrincou e rematou coa actuación do coro do IES Alexandre Bóveda e foi conducido polas alumnas Marieta Maguna Esperón, Noa Pena Muíños e Antía Domínguez Rodríguez, con Sonia Rivas Ferreiras no son e nas luces. O programa contou tamén coa intervención de Estefanía González Álvarez, profesora do centro e autora da biografía sobre Begoña Caamaño que publicou Ir Indo; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús M. Álvarez Bértolo, e a concelleira de Educación de Vigo, Olga Alonso.
A xornada rematou coa inauguración do mural creado por Cestola na Cachola na biblioteca do instituto con motivo dos seus 50 anos, unha homenaxe a Alexandre Bóveda que integra tamén a Begoña Caamaño e as demais mulleres que a RAG homenaxeou no Día das Letras Galegas.














