A RAG premia Aquí tamén se fala, a nova Galicia ideal que xa é presente

1/13

Sete de cada dez alumnos do IES Rafael Dieste da Coruña son de orixe migrante. Eles e elas son o corazón de Aquí tamén se fala! (ATSF), unha das propostas de dinamización lingüística de maior pegada social dos últimos tempos. A cabeza, Alberto Pombo, Mónica Reixía e Arcadio González, os profesores que puxeron en marcha en 2023 esta experiencia que se converteu nunha auténtica marea de ilusión polo idioma, nun momento en que as estatísticas alertan, máis ca nunca, da creba na súa transmisión xeracional. Nas vésperas do Día Europeo das Linguas, o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, entregoulle hoxe ao Dieste o II Premio Na lingua que eu falo, nun acto no que manifestou a súa admiración e agradecemento por un proxecto que, fronte aos discursos negativos contra o galego e a emigración, mostra a lingua galega como un elemento «de liberdade, algo que se escolle e que se quere; e amosa que a inmigración non é unha amezada que nos vén deteriorar, senón algo que nos ven enriquecer, que nos vén abrir ventás, portas para o mundo». 

A RAG creou o ano pasado o Premio Na lingua que eu falo co propósito de recoñecer persoas, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística na infancia e na mocidade, semente de futuro da lingua. A convocatoria toma o seu nome dun verso dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro e realízase ao abeiro de Primavera das Letras, o proxecto que a Academia dirixe ao público máis novo co apoio económico da Deputación da Coruña. 

A académica responsable de Primavera das Letras, Fina Casalderrey, e a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís  da Deputación da Coruña, Sol Agra, participaron canda Monteagudo na entrega do premio. Foi unha celebración no propio instituto na que, de acordo co espírito de ATSF, o protagonismo recaeu sobre os alumnos e alumnas, que demostraron unha vez máis o seu bo facer e experiencia no mundo da comunicación. Dous dos seus rostros máis activos, Julieta Pérez Luna, nada na Arxentina, e Oliezer Rivas, de Venezuela, entrevistaron o presidente da RAG no transcurso do encontro, que arrincou coa interpretación do Himno do Dieste: Habanera a cargo dos seus compañeiros Juan Flor e Maité Llanfulén, e mais Acardio González e o compañeiro de claustro Gustavo Devitto. 

O galego como ferramenta de integración e intercambio cultural
Henrique Monteagudo sinala AQTSF como «exemplo singular da importancia crucial para o idioma que teñen as iniciativas de base que xorden do corpo social, a miúdo cunha capacidade moito maior de conectar de forma profunda coa xente que as institucionais». En só tres anos, esta iniciativa deixa unha pegada que vai moito máis alá da comunidade educativa do IES Rafael Dieste: 25 000 mozos e mozas de 300 centros educativos sumáronse dalgunha maneira a esta marea que conseguiu a complicidade de figuras populares coma o actor Viggo Mortensen, que acubilla o único festival profesional de música que se lanza desde un instituto e que mesmo imprimiu un pulo decisivo para a adopción do topónimo galego no nome do Deportivo da Coruña. 

Pero alén destes grandes titulares, o presidente da RAG pon sobre todo o acento no valor da cerna de ATSF. «Aquí tamén se fala! nace, medra e espállase desde a convicción de que o galego pode ser unha ferramenta de integración e intercambio cultural, e esa idea matriz é que fai tan oportuno e especialmente emocionante esta aventura. Coido que dalgunha maneira podemos dicir que AQTSF é parte da nova Galicia ideal», expón Henrique Monteagudo evocando a Castelao.

Na Galicia ideal, soñada no seu exilio arxentino, o intelectual rianxeiro incluíu non só os galegos que vivían naquela altura no seu territorio, tamén os da extensa diáspora. «Hoxe o pobo galego, que outrora veu marchar varios centos de miles dos seus fillos e fillas á outra beira do Atlántico, é un país que acolle irmáns e irmás de terras que nos recibiron daquela a nós, e de moitas outras. O IES Rafael Dieste é boa mostra desta realidade multicultural e o proxecto que hoxe premiamos, un extraordinario exemplo do que coido que podemos considerar parte tamén da esencia desa nova Galicia ideal: unha Galicia que recibe cos brazos abertos, que comparte cos novos galegos e galegas o mellor de si mesma, a súa lingua e a súa cultura, e que o fai desde o respecto polas identidades de orixe», engade Henrique Monteagudo.

«Este é un premio que non só recoñece un traballo ben feito, senón que ademais nos devolve un pouco a esperanza. Unha das maiores leccións que nos dá ATSF é que o galego non é só unha herdanza, tamén pode ser unha elección, un lugar de encontro», expresa na mesma liña Fina Casalderrey. A académica reitera ademais o agradecemento da RAG ao profesorado que fixo realidade Aquí tamén se fala!. «Detrás hai docentes que acompañan sen obrigar, que abren portas e permiten que sexa o alumnado quen tome a palabra. Por iso este premio ten tamén tres nomes propios que é de xustiza nomear: Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reixía. Agradecemos enormemente o seu entusiasmo ao servizo da lingua e, sobre todo, a súa capacidade de contaxialo», advirte.

«Talvez o futuro do galego xa estea aquí»
Alberto Pombo, actual director do IES Rafael Dieste, recolleu o galardón, acompañado por González e Reixía e un grupo de estudantes aos que lles fixo á súa vez entrega do trofeo. No seu emotivo discurso, reiterou palabras de recoñecemento ao alumnado e aos compañeiros de profesión cos que tivo a «fortuna inmensa» de compartir o nacemento de ATSF. «Agora Aquí tamén se fala! pertence a todos vós e a este país. Aos que tivestes a fortuna de terdes o galego desde o berce e aos que chegastes a el con quince anos. Aos que herdastes esta lingua e aos que talvez sexades os primeiros da vosa familia en falala. Aos que nacestes aquí e aos que un día chegastes para entregar máis cores e sotaques lindísimos para a lingua de nós. Porque a identidade é unha forma poliédrica que tamén se escolle», díxolles aos estudantes de primeiro de bacharelato que encheron o salón de actos.

«Estes rapaces ensináronnos que unha lingua pode ser tamén un lugar de chegada», proseguiu dirixíndose aos membros da RAG e autoridades. Que non hai que nacer nun país para comezar a pertencelo. Que unha lingua de séculos pode medrar na voz dunha rapazada que veu de moi lonxe e que, cando isto acontece, non perde memoria nin identidade: gaña mundo. E ensináronnos algo que deberiamos lembrar cada vez que falamos do futuro do galego: que talvez ese futuro xa estea aquí, sentado diante de nós, e teña apelidos, peles, historias e sotaques que hai apenas uns anos non sabiamos imaxinar. Por iso emociona especialmente o nome deste premio. Na lingua que eu falo. Porque ese eu, aquí no Dieste, é un rostro colectivo que se di de moitas formas. E hoxe todas elas caben aquí», concluíu.

A deputada Sol Agra trasladou as felicitacións da Deputación da Coruña ao equipo de ATSF por este novo galardón que se suma a un amplo palmarés que inclúe o Premio Rosalía de Castro, e destacou o «orgullo enorme» do ente provincial por colaborar en todas as edicións do festival de música promovido polo Rafael Dieste. «O futuro do galego pasa por darlle protagonismo á xente nova que sabe que falar o galego en todos os contextos sociais supón un acto de rebeldía e futuro. Ver como medra este movemento ano tras ano reafirma o noso compromiso inquebrantable con proxectos que demostran que a nosa lingua está viva e é unha extraordinaria ferramenta de integración e intercambio cultural», engadiu.