As novas dixitalizacións leváronse a cabo en 2019 coas axudas da primeira convocatoria de subvencións para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia da AMTEGA. As preto de 140.000 páxinas que enriquecen a oferta do fondo galego do século XIX e a primeira metade do XX editado a ambas as beiras do Atlántico inclúen outros títulos pioneiros da prensa en galego como O Tío Pepe, publicación quincenal agrarista editada en 1913 dende A Fonsagrada; As Roladas: folla dos rapaciños galegos (1922), o primeiro intento de facer unha revista infantil en galego, promovida por Ramón Cabanillas dende Madrid e cunha vida efémera (só saíron do prelo dous números); ou a revista católica Logos (Pontevedra, 1931-1936), que apostou tamén dende o seu xénero pola lingua galega.
O semanario Follas Novas, editado na Habana entre 1897 e 1909, e o voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires A Fouce son, por outra banda, exemplos destacados da prensa galega procedente de América conservada na hemeroteca da Real Academia Galega que se incorpora a Galiciana, xunto a diversas revistas e boletíns de centros galegos doutras localidades de Arxentina, Cuba ou Uruguai.
A Real Academia Galega concorrerá á segunda convocatoria de subvencións para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia co propósito de seguir a dixitalizar a prensa histórica que conserva e compartila a través de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia –onde disporá dun micrositio propio– co propósito de facilitar as buscas da comunidade investigadora e de calquera persoa que desexe mergullarse no fondo hemerográfico relacionado co país. Con esta mesma filosofía, pretende compartir tamén no futuro a través da plataforma as primeiras 29 revistas do seu fondo que foron dixitalizadas, un traballo desenvolvido en 2004, antes da creación de Galiciana. Entrementres, estas cabeceiras seguirán accesibles para todo o público a través da web da RAG, academia.gal.
As Roladas, o primeiro intento de publicación periódica infantil en galego, tivo unha vida efémera: só se tiraron dous números. Na imaxe, un detalle da portada do 1.