A RAG expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Fernando Cabeza Quiles

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Fernando Cabeza Quiles. O filólogo, colaborador do Seminario de Onomástica, foi un incansable estudoso e divulgador dos nomes da nosa terra, en particular daqueles lugares que marcaron a súa traxectoria vital. Mostra desta paixón son os catro volumes que deixa publicados na colección Terra Nomeada: Toponimia da Estrada (2018), Toponimia de Carballo (2020), Toponimia de Ribeira (2022) e Toponimia de Padrón e Pontecesures (2025), que presentou o pasado mes de xaneiro.

Cabeza Quiles naceu en 1953 en Ponferrada e trasladouse a Galicia sendo aínda ben pequeno pola profesión do pai, profesor de instituto. Viviu na Estrada e en Ribeira, adoitaba pasar as vacacións da súa infancia en Padrón en Pontecesures, onde se asentaran os seus devanceiros no século XIX procedentes de Asturias, e acabou botando raíces en Carballo.

Socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva de Asociación Galega de Onomástica, o seu interese polos nomes da terra tiña a súa orixe no seu amor pola natureza. O ciclismo era outra das súas afeccións. O seu pasamento produciuse  este mediodía tras sufrir unha caída cando circulaba en bicicleta pola parroquia carballesa de Ardaña.