A arquiveira bibliotecaria da Real Academia Galega, María Dolores Sánchez Palomino; o presidente de PuntoGal, Manuel González González; e a editora de Luzes, Ana Cermeño, presentaron este mediodía na Fundación Luis Seoane a nova edición do concurso, no que ata o momento participaron máis de 7.000 persoas e resultaron premiadas 68. Os textos gañadores poden lerse nas edicións dixitais dispoñibles na sección de publicacións de academia.gal, en relatos.gal e na versión en papel de Luzes, que cada ano publica ademais os finalistas. Entre os contos distinguidos polos xurados figuran escritoras e escritores amadores canda autoras e autores que en ocasións atoparon nesta iniciativa un dos seus primeiros recoñecementos públicos, entre eles Nee Barros (2002) ou Alba Guzmán (2003), debutantes serodios no mundo editorial como Paloma de Toro (1985) e Carlos Neira Suárez (1950), ou Héctor Cajaraville e Marta Villar, gañadores do Premio Xerais 2015 e 2024, respectivamente.
“A Real Academia Galega está moi satisfeita de promover, xunto a Dominio Puntogal, este concurso de microrrelatos que está calando fondo na sociedade galega, como demostra o incremento da participación nel ano tras ano”, salienta María Dolores Sánchez Palomino. “Congratulámonos de que este concurso sirva para espertar vocacións literarias en todo tipo de público, e de que o faga mediante o emprego do galego, especialmente entre as xeracións máis novas, que representan o futuro da lingua”, engade. A académica pon ademais o acento no “grande interese” que ten o subxénero literario das historias máis breves. “Os microrrelatos fomentan a creatividade nun espazo sumamente breve e esixen un manexo hábil da lingua, de modo que poden transmitir de maneira moi condensada emocións profundas ou feitos impactantes”, apunta.
O presidente de PuntoGal subliña igualmente a importancia da participación do público máis novo. “O concurso de microrrelatos de PuntoGal e a RAG é un lugar de encontro de creadores en lingua galega interxeracional, no que participan xentes de todas as idades: netos e avós ou mesmo bisavós. Pero a min gustaríame salientar neste momento a participación dos máis novos. Cada ano son máis os nenos e nenas, mozos e mozas que, especialmente a través dos centros nos que están a estudar, presentan os seus textos a este concurso. En non poucos casos é a primeira vez que escriben textos creativos en lingua galega con pretensión literaria, e isto énchenos de satisfacción, porque este concurso se está a converter nunha escola de escritores en lingua galega”, expresa Manuel González González.
Ana Cermeño abunda neste propósito: “En Luzes defendemos a nosa lingua, e apostamos —xunto a PuntoGal e a Real Academia Galega— polos escritores deste concurso de microrrelatos porque cremos na necesidade de impulsar e apoiar aos creadores que sintan en galego en calquera parte do mundo”.
Os xurados
O IX Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal contará con dous xurados, un para a categoría de persoas adultas e outro que avaliará os contos dos menores de idade. No primeiro representan a RAG o escritor, xornalista e expresidente da institución Víctor F. Freixanes; e a súa tesoureira, María López-Sández, doutora en Teoría da Literatura e profesora da Universidade de Santiago de Compostela. En representación de PuntoGal participan o presidente Manuel González, director do Dicionario da RAG; e Cristina Ríos, filóloga e membro do equipo técnico. Tamén é parte do xurado de adultos a asesora de Luzes Inés Sánchez.
O xurado das categorías infantil e xuvenil conta por parte da RAG con María Dolores Sánchez Palomino, catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña; e a escritora Fina Casalderrey. En nome de PuntoGal lerán as historias dos participantes máis novos o seu director xeral, o xornalista e profesor da USC Darío Janeiro; e Concha Losada, membro da súa comisión executiva e presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; así como o xornalista e escritor Fernando Mahía, membro do consello de redacción de Luzes.

Campaña de PuntoGal
PuntoGal celebra o noveno aniversario do concurso de microrrelatos cunha promoción excepcional que permite facerse cun dominio .gal por dous anos por menos de 15 euros (máis IVE). Don Dominio, Dinahosting, Openprovider, INWX e OwnRegistry son os rexistradores que se suman á promoción.
A imaxe promocional do IX Concurso de microrrelatos da RAG é PuntoGal é unha adaptación da intervención que Diego Linhares realizou no expositor de PuntoGal na última edición do Culturgal, titulada “Raíces e Cultura. Pintando redes”. Esta obra parte da idea dun ser que medra e que se estende, que desfruta do proceso e de compartir a súa existencia con outros seres.



