A RAG e a ONCE colaborarán para reforzar o galego entre as persoas con discapacidade visual

A Real Academia Galega e a ONCE colaborarán para fornecer as persoas cegas e con discapacidade visual severa dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios para se expresar integramente, oralmente e por escrito, en galego. Este é un dos compromisos que se establecen no protocolo de colaboración entre ambas as institucións que asinaron esta mañá na sede da Academia o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan. O acordo permitirá tamén traballar de forma conxunta en todo tipo de proxectos culturais de interese común encamiñados ao fomento e á promoción da lingua e da cultura galegas, e procurará, en definitiva, máis espazos de uso para o galego entre as persoas afiliadas á ONCE.

Manuel Martínez Pan, Delegado Territorial da ONCE en Galicia, e Víctor F. Freixanes, Presidente da RAG


A ONCE leva oito décadas prestando servizos a persoas cegas e con discapacidade visual severa e traballando a prol da súa inclusión social e laboral, facilitando así o pleno exercicio dos seus dereitos. O protocolo asinado hoxe na Coruña profunda neste obxectivo, porque "a lingua e a cultura galegas forman parte deses dereitos da cidadanía", salienta o presidente da Academia, que lembra que o Rexurdimento contou entre as súas figuras máis destacadas cun invidente, o xornalista Valentín Lamas Carvajal. "Hoxe damos, da man da RAG, un importante paso para potenciar o uso e o coñecemento da nosa lingua entre a comunidade de persoas cegas e con discapacidade visual severa", subliña o delegado territorial da ONCE.

A lingua é un código de comunicación e de socialización que atinxe a toda as persoas, unha implicación global pola que vela este protocolo. "Non hai cidadáns de primeira e cidadáns de segunda. Responsabilidade de institucións como a ONCE ou a RAG é dar resposta ás necesidades e demandas de todas as persoas, incluídas aquelas que por calquera discapacidade teñen dificultades para acceder á cultura, ou dito doutra maneira: ao desenvolvemento pleno da súa personalidade e das súas capacidades, en pé de igualdade con calquera outra persoa", expresa Víctor F. Freixanes. Con este propósito, ambas as institucións pretenden traballar conxuntamente para atender a crecente demanda das persoas invidentes de textos en galego, literarios e non literarios, textos técnicos e científicos, ou simplemente de lecer. "Veremos mellorado de forma significativa o acceso á cultura galega no idioma propio da nosa terra ao aumentar a oferta bibliográfica en galego, tanto en versión braille como en versión sonora", detalla Manuel Martínez Pan.

O incremento da oferta de libros en galego para persoas con discapacidade visual é asemade unha maneira máis de "incorporar o idioma galego á plena normalidade, que pasa por poñelo a disposición de sectores da sociedade que o demanden e poidan enriquecerse coa súa práctica e coñecemento", conclúe o presidente da Real Academia Galega.