Víctor F. Freixanes destaca na súa mensaxe os lazos que unen a ambas as academias e os seus países, unha base sólida sobre a que a RAG e a ABL asinaron en xaneiro do ano pasado, na sede da Real Academia Galega, un acordo de amizade e colaboración. Meses despois, o pleno da ABL abriulle as portas aos representantes da RAG no marco dunha visita institucional á capital carioca.
A pandemia do coronavirus amosa agora a necesidade de "implementar novas formas de solidariedade, aproximación e veciñanza", expresa no seu vídeo de resposta o presidente da ABL, para quen o diálogo entre as dúas academias e os seus respectivos países, cada vez máis forte, "é un sinal de que é posíbel enfrontar os desafíos dunha forma nobre, intensa e xenerosa".