A vida e o compromiso coa lingua e a cultura galegas centrará o xoves 11 de novembro a primeira xornada do Simposio Xela Arias. A poeta Yolanda Castaño, autora de Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias, moderará a mesa protagonizada por Darío Gil Arias, fillo da homenaxeada; e a escritora Marga do Val e a profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias Álvarez, amigas persoais de Xela Arias. A tarde rematará cun recital poético no que tamén participarán Darío Gil Arias, Marga do Val e Yolanda Castaño xunto ao académico Darío Xohán Cabana e as poetas Emma Pedreira e Dores Tembrás.
A xornada do xoves 18 de novembro terá como eixe a voz poética de Xela Arias. A escritora e tradutora Mercedes Leobalde conducirá nesta ocasión unha mesa que contará coas achegas de María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e autora da antoloxía poética Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004); a poeta e académica Chus Pato, que falará sobre “a temporalidade e outros animais na escrita de Xela Arias”; e Alba Cid, un dos principais expoñentes da nova poesía galega, que abordará, entre outras cuestións, o contraste xeracional entre a poesía da homenaxeada a das novas voces.
A tradución, a edición e o diálogo con outras artes guiarán o 25 de novembro a terceira e última xornada. Manuel Bragado, exdirector de Xerais, o selo onde Xela Arias traballou como editora, trazará un primeiro retrato dela como pioneira da edición e da tradución galega nos anos 80 do século pasado; Ana Luna ofrecerá unha nova ollada á actividade da homenaxeada vertendo ao galego, en solitario ou de forma cooperativa, obras universais como Dublineses de James Joyce, As bruxas de Roald Dahl ou O Quixote de Miguel de Cervantes; e a xornalista Belén López Rodríguez achegarase ao seu interese por conectar a poesía con outras artes, ben visible dende a primeira edición de Denuncia do equilibrio (1986), ilustrada polo seu amigo Xosé Guillermo; ou Tigres coma cabalos, onde os versos dialogan coas imaxes do fotógrafo Xulio Gil.
O encontro concluirá coa presentación da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada producida pola Real Academia Galega, a cargo da súa guionista, María Yáñez, e a proxección dunha peza audiovisual de síntese. Todos os capítulos poden verse na canle de Youtube da Real Academia Galega e a través de academia.gal.