O Día da Poesía celebra a escrita sen límites de María Xosé Queizán

A Real Academia Galega dedicaralle o Día da Poesía 2026 a María Xosé Queizán. O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acollerá o martes 17 de marzo (18:30 horas) un recital de homenaxe á autora, escritora de excepcional pulo creativo e referente imprescindible do pensamento e da práctica feminista. Unha ducia de escritoras e escritores dialogarán con versos da súa autoría nunha celebración que inclúe ademais a loanza de Queizán a cargo da académica Margarita Ledo Andión e unha actuación musical de Uxía.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, abrirán o acto, de entrada libre ata completar a capacidade da sala. A cita no MARCO, organizada co apoio da Deputación de Pontevedra, poderá seguirse tamén en directo desde academia.gal.

A convocatoria permitirá escoitar nas voces de Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Fina Casalderrey, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, Ana Romaní, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns e Xavier Baixeiras unha escolma de poemas de Queizán recollida na plaquette conmemorativa do mesmo título: María Xosé Queizán. A escrita sen límites. O público será agasallado con esta edición ao coidado da académica Ana Romaní, na que os versos escollidos polas autoras e autores convidados se acompañan de pequenos comentarios, declaracións que deixan constancia da admiración e do recoñecemento que suscita unha pioneira que, en palabras de Margarita Ledo, “trae a experiencia das mulleres para o centro da trama”.