A RAG celebra a aprobación da proposición de lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

O presidente da Real Academia Galega participou hoxe dende a tribuna de convidados na sesión extraordinaria do Parlamento de Galicia na que se aprobou por unanimidade a proposición de lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Víctor F. Freixanes congratúlase por que saíse adiante unha norma que dota o emblemático espazo dun marco de funcionamento acorde coa súa importancia histórica e simbólica.

Foto de familia no Hórreo tras a aprobación da lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Fonte: Parlamento de Galicia

“Celebramos moito o espírito de unidade e consenso xerado arredor dun feito tan significativo como é a defensa do que é un dos grandes símbolos de Galicia, xunto á bandeira e o himno”, salienta o presidente da Real Academia Galega.

A nova lei contempla a creación dunha fundación pública que será a encargada de preservar e xestionar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, como se pasará a chamar en diante o espazo que acubilla a igrexa de San Domingos de Bonaval no que repousan os corpos de Rosalía de Castro ou Castelao. Dita fundación contará cunha comisión asesora encabezada pola persoa que asuma a presidencia do Parlamento de Galicia e na que tamén estará representada a Real Academia Galega xunto a outras institucións do país como o Consello da Cultura Galega, as tres universidades e o propio Museo do Pobo Galego, que se prevé que asuma a xestión ordinaria do panteón.