“Cando poñemos en relación ecoloxía e onomástica, facémolo desde unha perspectiva dupla: a perda da toponimia, entendida como un ecosistema en perigo, e as consecuencias que sofren os nomes de lugar pola transformación do territorio derivada da interacción do ser humano. En realidade, é esa mesma interacción a que produce a toponimia, mais neste tempos a aceleración da destrución do medio natural implica tamén a destrución dos propios nomes de lugar”, expón a académica Ana Boullón, que coordina o encontro xunto á académica correspondente Luz Méndez.
Os microtopónimos (os nomes de pedras, camiños, fontes, fragas ou veigas) son neste sentido moito máis fráxiles, xa que a toponimia maior, a dos lugares habitados, está protexida polo seu status legal. “De todas formas, os cambios na configuración da paisaxe derivados da destrución da natureza levan consigo a perda de todo tipo de nomes”, advirte a especialista. “Pensemos, por exemplo, naquelas aldeas que sepultaron os encoros nos vales máis vizoso dos ríos. É o caso de Maiorga (Pantón), no encoro dos Peares (Miño), Mourulle (Taboada), Portomeñe (O Saviñao) ou Castro Candaz (Chantada), no encoro de Belesar (Miño). Algúns deles sobreviven unicamente como apelidos, último rastro dos núcleos antano habitados”, repasa. Canteiras, minas, lagoas artificiais ou mesmo urbanizacións son outros tipo de accións humanas que “devoran os nomes dos núcleos orixinarios e impoñen nomes de rúas que nada teñen que ver co territorio orixinal”, engade Ana Boullón.
Voces convidadas
O programa da XI Xornada de Onomástica permitirá afondar nalgúns destes casos desde diversas perspectivas. Tras a inauguración (10 horas) a escritora e académica Marilar Aleixandre pronunciará a conferencia de apertura, “Os nomes arrepóñense”, unha achega sobre a perda da microtoponimia, o seu valor cultural e a relación cos riscos ambientais e perda de espazos naturais. Deseguido será a quenda de Francisco Macías coa intervención “Os nomes que saíron do escuro”, sobre o impacto dos lumes do ano pasado na toponimia do Bierzo.
Sobre as consecuencias de cambios administrativos falará o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Valerià Paül, que pronunciará o relatorio “As comarcas na Galiza autonómica: entre a agonía e a resistencia”. O biólogo Miguel Á. Conde Teira participará con “Unha viaxe toponímica no tempo en Posmarcos: de 1396 a 2013”; a profesora Andrea Santiso exporá unha intervención didáctica sobre o impacto das industrias extractivas na microtoponimia desenvolvida no IES Val do Asma (Chantada); e o arqueólogo, toponimista e profesional do audiovisual Lukas Santiago falará sobre a recuperación da toponimia de Lourizán. O público poderá ademais ver o seu documental Paraíso roubado, que lle porá o ramo á xornada.


